Ridley Scott regresa a Dick

0
165

O recoñecido director Ridley Scott regresará á súa cooperación co escritor Philip K. Dick 28 anos despois de que realizase a súa obra mestra Blade Runner e producirá unha nova minisérie para a BBC1 de 4 horas de duración baseada na novela de Dick The Man In The High Castle para a BBC.

Howard Brenton, o guionista inglés autor da série de espías para a TV Spooks, será quen adapte a novela, gañadora no seu momento do prémio Hugo. A Headline Pictures está acompañando na produción xunto á Electric Shepherd Productions, a empresa dirixida polos herdeiros de Philip K. Dick. O terceiro brazo nesta produción será a Scott Free, a empresa de Ridley Scott. A Fremantle Media, a produtora inglesa que realiza o show The X Factor, será a encargada de vender a série no estranxeiro.

A novela de Dick é unha narración de ciéncia-ficción nunha história alternativa, na que as forzas do Eixo (Alemaña, Itália e Xapón) gañaron a Segunda Guerra Mundial. Dick, que escribiu 40 novelas e 125 contos ao longo da súa vida, que durou 54 anos, converteu-se após da súa morte nun dos autores mais emblemáticos da ciéncia-ficción grazas ás adaptacións que das súas obras fixo Hollywood ao longo dos anos.

Só por relembrar algo do mais novo de entre as adaptacións ao cinema das obras de Dick, a Sony Pictures está a desenvolver un remake de Total Recall, mentres que a Disney quere facer King of the Elves. En marzo veremos a estrea de Adjustment Bureau, protagonizada por Matt Damon e Emily Blunt. E por suposto, están os clásicos de Scott Blade Runner, o de Steven Spielberg Minority Report e mais o Total Recall (Desafío Total) orixinal. Todo un conxunto de adaptacións que no seu tempo terían convertido a Dick en millonário, de non ser porque morreu antes de que nada de todo isto ve-se a luz, e tivese que chegar a comer comida para cans mentres viviu.