Seguen vivindo!

0
208

Mentres facía unha xira de promoción para a precuela do ano que ven do filme de John Carpenter The Thing na recente Comic Con de New York, o produtor Eric Newman confirmou que podería-mos ter axiña novas doutro remake baseado nun clásico de Carpenter: They Live.

A longametraxe orixinal, de 1988, é unha sátira de ciéncia-ficción que axiña se converteu en filme de culto para os afeccionados. Nel, un obreiro da construción (Roddy Piper) descubre unhas gafas de sol que lle permiten ver que moita xente que camiña entre nós é en realidade áliens e que xa están a controlar a humanidade. A Universal Pictures e mais a Strike Entertainment levan procurando facer un remake deste proxecto dende finais de 2008.

Newman confirmou á prensa que “Estivemos a falar sobre They Live. E estivemos a desenvolver unha espécie de They Live no espazo. Espero que podamos facer algo disto para o ano que ven. Se cadra para o verán. Podería ser un grande filme“.

Un grande cámbio sería no vestiário, específicamente nas gafas que permiten ver extra-terrestres. “Podería ser algo distinto das gafas de sol… estamos a explorar diferentes versións da cousa que che permite ver“.

O guión xa está en desenvolvemento a cargo de D.B. Weiss, que tamén ten a tarefa de escribir o libreto da vindeira série fantástica da HBO para a televisión, Game of Thrones.

Estas novas chegan pouco despois de que soubéramos que Carpenter, quen xa conta con 62 anos de idade, sofriu un ataque ao corazón a pasada fin de semana no decurso dunha convención en Florida, se ben se considera que non é grave.