Alícia & Alícia no País das Marabillas

680

Após de facer conxuntamente Des-memoria-2 en febreiro, a Factoría Teatro e Disque Danza veñen de se fusionar en A Produccións Artísticas, baixo a dirección de Olga Cameselle e de Alfredo Rodríguez.

E o primeiro proxecto conxunto será Alicia & Alicia, un espectáculo de teatro e danza con apoio audiovisual que terá a súa estrea en Vigo para despois viaxar ao Salón Teatro de Compostela. A obra é un espectáculo para público adulto que parte da clásica novela Alice in Wonderland de Lewis Carroll, e ao traveso dos textos de Paula Carballeira prantéxa-se xogar coa idea dunha Alícia imaxinária.

Carballeira, a autora do texto, sinalou na presentación que a universalidade do personaxe consiste en que “todos somos Alícia dunha ou outra maneira, xa que todos queremos cambiar a realidade ou ser rebeldes“. A actriz Anabel Gago, pola súa banda, fixo referéncia á creación do personaxe e explicou que Alicia atopou “un grande conflito e somerxe-se no mundo do inconsciente“. Gago comparte elenco con Gena Baamonde, Toni Salgado e Uxía P. Vaello.

O director da obra, Alfredo Rodríguez, agradeceu a colaboración da Concellería de Cultura de Vigo para poder desenvolver o proxecto, así como ao museo Marco, e ao Centro Cultural de Valadares. Salientou que é un proxecto “feito en Vigo cunha equipa artística da terra, xa que A Producións Artísticas é froito da unión das compañías Disque Danza e Factoría Teatro, polo que ten unhas sinais de identidade moi de Vigo“.

O espectáculo Alicia & Alicia , que conta cun deseño de vestiário firmado pola tenda de roupa viguesa La Canalla, representará-se mañá, mércores, e o xoves 14 ás 21 horas no Auditório Municipal de Vigo.