Rapace na Derradeira Viaxe

751

Noomi Rapace, a protagonista da versión orixinal da adaptación ao cinema da triloxía Millennium e tamén da versión americana The Girl with the Dragon Tattoo e das súas dúas vindeiras secuelas, ven de asinar para participar na longamente xestada longametraxe The Last Voyage of Demeter na Phoenix Pictures.

Baseada nun capítulo da clásica novela de vampiros de Bram Stoker Dracula, a história describe a terríbel viaxe que fixo o conde Drácula nun barco mercante dende Transilvánia a Londres. Stoker narra a história a través do caderno de bitácora do capitán do barco, cuxa viaxe escomeza en Bulgária e vai sendo cada vez mais espantosa a medida que os membros da tripulación van desaparecendo un a un, xa que Drácula debe mata-los para poder subsistir. O barco ao cabo estréla-se contra as rochas en Whitby cun único tripulante a bordo: o mesmo capitán, atado ao timón.

Rapace interpretará a unha polizón neste barco que transporta a caixa do Conde. Ben Kingsley xa se unira previamente ao reparto nun papel ainda por determinar. O actor protagonista, que será probábelmente o capitán, ainda está por se anunciar.

Bragi F. Schut escribiu o guión deste filme hai uns dez anos, durante os cales vários directores estiveron vencellados ao proxecto, coma Marcus Nispel e Robert Schwentke. Finalmente, será o realizador austríaco Stefan Ruzowitzky quen se poña ao fronte da película.

Mike Medavoy, Arnold Messer e Bradley Fischer serán os produtores.