Os problemas co finanzamento de O Hobbit semellan ser xa cousa do pasado grazas ao recente acordo que permitiu dar a luz verde ao comezo da rodaxe. E nos últimos días seica tamén os actores e mais a produtora chegaron por fin a un acordo polo que a SAG, a AFTRA e outros sindicatos retiraron o seu chamamento boicotear o filme.
Desgrazadamente, podería ser xa demasiado tarde, porque segundo a oficina de prensa de Peter Jackson en Nova Celándia, “o levantamento da chamada ao boicot do Hobbit non ten REN que ver coa permanéncia dos filmes en Nova Celándia. Os danos inflinxidos á indústria do cinema pola NZ Equity/MEAA xa están feitos dende hai moito. A semana que ven a Warners vai viaxar a Nova Celándia para comezar os arranxos para mudar a produción a outro país. Seica xa non podemos facer cinema no noso própio país, mesmo cando hai dispoñíbel unha cantiosa financiación (500 millóns de dólares)“.
Xa se rumorea que o novo país de acollida de ambos filmes podería ser o Reino Unido, pero Nova Celándia non quere dar o caso por perdido sen loitar e o Primeiro Ministro John Key ten previsto reunir-se cos executivos dos estudos para convence-los de que os problemas xa remataron e que non teñen ren de que se preocuparen.
De todos os xeitos, algúns médios locais afirman que o problema real é que Nova Celándia ofrece unha rebaixa do 15% nos impostos, mentres que outros países están dispostos a aceptar rebaixas de até o 30% se a produción vai alí.
Por outra banda, os produtores do filme veñen de lle ofrecer un papel a James Nesbitt mentres que ainda están tentando que David Tennant e Michael Fassbender acepten participar dalgún xeito no reparto, no que xa figuran Ian McKellen para o papel de Gandalf, Andy Serkis coma Gollum, e xa por fin oficialmente Martin Freeman para interpretar a Bilbo Bulseiro.
A Freeman acompañará-o Richard Armitage (da série Robin Hood e axiña tamén en Captain America) no pel de Thorin, o líder da compañía de ananos que emprende a viaxe até a Montaña Solitária para se facer co tesouro do dragón Smaug. A compañía completará-se con Aidan Turner (Being Human) e mais Rob Kazinsky (EastEnders), que serán Kili e Fili respectivamente; Graham McTavish (John Rambo, 24, Perdidos) como Dwalin; John Callen, Peter Hambleton e Stephen Hunter coma Oin, Gloin e Bombur respectivamente; e Mark Hadlow (King Kong) coma Dori.