Segundo numerosas fontes na Rede, A editorial Shueisha Publishing Company de Tóquio ven de convencer ao lendário creador de manga Akira Toriyama para que regrese do seu retiro e comece a debuxar novos episódios da súa saga mais famosa: Bóla de Dragón.
Dragon Ball ou Bóla de Dragón (e mais as súas continuacións Dragon Ball Z e Dragon Ball GT) é unha das franquías do mundo do cómic mais lucrativas de todos os tempos. Ainda que a série durou dende 1984 a 1995 na revista xaponesa Shonen Jump, axiña saltou á televisión e mais ao cinema, onde contou con séries de debuxos animados se cabe mais famosas. Tan só o cómic vendeu mais de 150 millóns de exemplares dos seus volumes.
Pero dende aquela, o creador retirou-se e só regresou unha vez, para facer un crossover coa saga One Piece. As súas seguintes obras foron moito mais persoais e mais curtas, se ben continuou supervisando a série de debuxos animados e os seus estudos están a traballar nunha versión de xogo de rol multixogador online de Dragon Ball.
É neste escenário no que Akira Toriyama ven de ser covencido para regresar e crear novos capítulos de Bóla de Dragón. Pode que para promocionar o seu novo MMORPG, ou pode que para se facer co saco de cartos que sen dúbida lle prometeron.
Algo que fará deste acontecemento ainda mais espectacular é que o cómic será traducido simultáneamente para todo o mundo, polo que non haberá que agardar anos polas traducións. Iso si, coma é habitual, non hai ningún interese en traduci-lo ao galego.