O Hobbit ficará en Nova Celándia

830

O Primeiro Ministro de Nova Celándia John Key anunciou onte á noite que os filmes d’O Hobbit, un proxecto cun orzamento de 670 millóns de dólares, será realizado finalmente no país austral.

Vários ministros do governo novacelandés, entre os que se inclúen o de Desenvolvemento Económico Gerry Brownlee e mais o de Arte, Cultura e Património Chris Finlayson, estiveron reunidos cos executivos da Warner Bros durante todo o día, tentando chegar a un acordo.

Finalmente, Key fixo o anúncio no decurso dunha rolda de prensa especialmente convocada ao efecto, e antes de saír para unha viaxe de Estado por Ásia.

“Estou encantado de que poidéramos chegar a este resultado”, dixo Key. “Facer os dous filmes do Hobbit non só será traballo asegurado para miles de novacelandeses, senón que seguirá ao éxito da triloxía do Señor dos Anéis para promocionar unha vez mais a Nova Celándia no escenário mundial“.

O Governo comprometeu-se a aprobar unha série de lexislación hoxe mesmo, na que se clarifiquen os dereitos dos traballadores autónomos e os dos asalariados na indústria do cinema.

Os problemas coa indústria que xurdiron nas últimas semanas arroxaron luz sobre unha importante série de preocupacións sobre o xeito no que opera a indústria internacional do cinema“, dixo Key, quen engadiu: “Imos apresurar-nos para nos asegurar de que as leis de Nova Celándia neste tema acougan aos produtores de cinema coma a Warner Bros na confianza que precisan para producir os seus filmes neste país. Isto garantirá que os filmes se fagan en Nova Celándia“.

Os descontos nos impostos tamén serán cambiados para que a Warner Bros se benefície dun aforro extra de 7 millóns de dólares por filme, condicionado ao éxito dos filmes.

O governo e mais a Warner Bros chegaron ao acordo de traballaren xuntos nunha “asociación estratéxica a longo prazo” para promocionar Nova Celándia para a produción de filmes e coma destino turístico. “O meu governo está decidido a utiliazr a oportunidade que os filmes do Hobbit representan para salientar Nova Celándia coma un estupendo lugar que visitar, así coma un estupendo lugar onde facer negócios“, dixo Key, quen tamén relembrou que o seu governo pagará dez millóns de dólares á Warner en concepto de marketing e coma parte do acordo estratéxico.

Nova Celándia será tamén un dos lugares onde se produza a estrea mundial dos filmes do Hobbit.