Ouija procura director

0
176

Pierre Morel (Taken), Sylvain White (The Losers) e mais Scott Stewart (Priest) son os máximos candidatos para se faceren co posto de director da vindeira adaptación ao cinema do xogo de taboleiro “Ouija” que están a preparar a Universal Pictures e a Platinum Dunes.

Os detalles do argumento polo de agora non foron desvelados, pero xa se sabe que será un filme sobrenatural con acción e aventuras, e que incorporará coma elementos centrais algunhas das regras do famoso xogo, coma nunca utiliza-lo só ou preto dunha tumba. O xogo en si consiste nun taboleiro con letras e mais un marcador e a ideia é comunicar-se cos espíritos dos mortos, que irán revelando as súas mensaxes a través das letras do taboleiro.

A Universal planea poñer o filme en produción o verán que ven coa ideia de que estea listo para se estrear en Acción de Grazas (novembro) de 2012, converténdo-o asemade no segundo filme que aparece baseado nun xogo de taboleiro após de que a xogueteira Hasbro acadase ver adaptado por Peter Berg o seu Battleship para maio de 2012 nunha longametraxe de alto orzamento.

Edward Kitsis e Adam Horowitz (Tron: Legacy) están a escribir o guión, que poderá contar cun orzamento saboroso, de entre 80 e 100 millóns de dólares. O nome do director non se decidirá até dentro dun par de semanas. Mentres tanto, Brian Goldner, Bennett Schneir, Michael Bay, Brad Fuller e Andrew Form están na produción.