O código da bíblia

0
157

A Relativity Media ven de mercar os dereitos para levar ao cinema a série de novelas supervendas de Michael Drosnin Bible Code [O Código da Bíblia].

Drosnin, un antigo xornalista do Wall Street Journal, afirma que dentro das páxinas da Bíblia (un antigo libro sagrado de certas relixións) hai un código oculto que predice con grande seguridade algúns acontecementos históricos catastróficos, entre os que o autor menciona o ascenso de Hitler ao poder, os atentados das Torres Xemelgas o 11 de setembro de 2001 ou a elección de Obama coma presidente.

O proceso, titulado “Secuenciamento Equidistante das Letras”, incorpora a análise por computador da aparición mais ou menos fixa cada certo número de letras de determinados caracteres dentro das páxinas da Bíblia orixinal en hebreo. O sistema, que ten tanto de científico coma o oso Yogi de físico nuclear, conta con moitos seguidores entre os cristianos mais fanáticos dos Estados Unidos.

Os libros, que foron escritos coma se non fosen de ficción, rematan predecindo un terríbel fin do mundo que seica pode acontecer en calquera momento. Os estudos queren levar ao cinema a película en 2012, unha data axeitada para tremer de medo mentres agardamos comodamente a prometida fin do mundo comendo flocos de millo.