Morel muda Dune por Ouija

0
189

O director de Taken e From Paris with Love, o francés Pierre Morel, ven de revelar no seu blog esta semana algúns dados sobre o que será o seu vindeiro proxecto: a longamente agardada nova adaptación ao cinema do clásico literário de ciéncia-ficción de Frank Herbert, a novela Dune. E seica xa atopou un sustituto para se centrar nestes días, mentres non se sabe se haberá luz verde para Dune ou non: un xogo de mesa.

Polo que din, Morel está moi preto de se converter no director de Ouija, a adaptación ao cinema do popular xogo de mesa da empresa de xoguetes Hasbro, que irá sobre un grupo de xente que utiliza o xogo para falar con espíritos dos mortos. O filme ten prevista a súa estrea para novembro de 2012.

Morel gañaría asemade este posto a outros competidores coma John Moore (Max Payne), Scott Stewart (Legion) e Sylvain White (The Losers) ainda que o seu nome tamén se está a barallar para realizar o filme producido por Sam Raimi sobre invasións extra-terrestres EDF na Warner Bros. Pictures. Polo de agora non está nada claro cal dos dous proxectos será o primeiro en sair adiante.

E mentres tanto, respeito a Dune, a produción continúa sen avanzar e de non mediar unha sorpresa importante, non poderá escomezar até primavera, cando a Paramount tome a decisión de rodar ou non a longametraxe.