O aclamado director de curtas e de anúncios Carl Erik Rinsch ficou desvencellado da realización da longamente agardada nova versión do clásico de culto de ciéncia-ficción A Fuga de Logan que está a preparar a Warner Bros. Pictures.
William F. Nolan e George Clayton Johnson escribiron a novela orixinal en 1967 (e tamén as dúas secuelas) ambientada nun futuro onde todo aquel que superase os 30 anos debía morrer obrigatóriamente nunha cerimónia de eutanásia para que a sociedade poida manter o equilíbrio entre o consumo e os recursos dispoñíbeis. A história vai sobre Logan 5, un ‘Sandman’ que é un axente da lei que persegue a todos aqueles que tentan fuxir do seu destino cando se achegan aos seu 30 aniversário, pero que cando lle toca o turno a el mesmo, se converte nun fugado.
Os afeccionados relembrarán a história grazas ao filme de 1976, un clásico protagonziado por Michael York. O director de X-Men Bryan Singer estivo a desenvolver unha adaptación hai anos, en 2004, pero o seu traballo en Superman Returns obrigou-no a facer unha parada, da que xa non puido continuar. Durante este tempo, os nomes de Robert Schwenke (Flightplan), James McTeigue (V for Vendetta) e Joseph Kosinski (Tron Legacy) estiveron algunha vez vencellados á dirección do remake.
O nome de Rinsch xurdiu por primeira vez en maio, pero agora ven de abandoar o proxecto para se entregar ao filme 47 Ronin, que protagonizará Keanu Reeves para a Universal Pictures.
Joel Silver e Akiva Goldsman son os produtores de A Fuga de Logan, que conta cun guión de Alex Garland, e agora procurarán un novo director, xa que non queren agardar a que Rinsch remate Ronin.