Moisés volve ao cinema

0
207

O Xénese é moi custoso de facer, o novo testamento foi xa reproducido até o aborrecemento, o Levítico non podería nin pasar o primeiro filtro por mor de todo o ódio relixioso que contén, os Números non poden ser obxecto de dereitos de autor, o Deuteronómio soa coma unha farragosa proba médica… así que se Hollywood quere levar ao cinema algún libro da bíblia, ten que se contentar con regresar ao mais ca gastado libro do Éxodo, o relato mitolóxico no que Moisés lidera aos xudeus para fuxiren de Exipto. E non-o farán unha senón dúas veces.

A primeira será unha longametraxe da Warner Bros. Pictures, que describen coma “un filme de épica grandiosa sobre o lendário povo dos israelitas e a súa fuxida de Exipto“. Dan Lin (The Departed) será o produtor, contando cun guión de Stuart Hazeldine (The Tripods) e Michael Green (Green Lantern, Heroes). Curiosamente, Hazeldine tamén está a escribir outro guión que adaptará O Paradiso Perdido de John Milton nunha produción da Legendary Pictures, unha filial da Warners. Lin agarda ter un guión rematado destes dous escritores de xeito inminente.

E o segundo proxecto está nas mans da 20th Century Fox, onde o ex-presidente da News Corp. reconvertido en produtor cinematográfico Peter Chernin está a desenvolver un filme aínda sen nome sobre a figura do mitolóxico Moisés, o primeiro líder do povo xudeu. Bill Collage e Adam Cooper (Accepted, New York Minute) escribiron un guión e agora está-se á procura dalgún director.