O director americano Irvin Kershner finou o pasado sábado en Los Ángeles aos 87 anos, vítima dunha longa enfermidade, segundo explicou a sua afillada, Adriana Santini.
Nado en 1923, a educación de Kershner tivo moito que ver coas artes: estudou música antes de se unir ás forzas aéreas e voar nun bombardeiro B-24 durante a Segunda Guerra Mundial. De regreso á vida civil, estudou Arte e Deseño na Escola de Belas Artes Tyler en Philadelphia. Aos 25 anos mudou-se a Los Angeles para estudar fotografía no Art Center College of Design mentres traballaba coma actor de anúncios. Na Escola de Cinema da USC (Universidade do Sul de Califórnia) aceptou un choio coma fotógrafo do Departamento de Estado en Irán, o que o levou a rodar documentais sobre o Médio oeste e Europa para o Servizo de Información en 1950.
O seu primeiro filme foi Stakeout on Dope Street, unha película de crimes en 1958, o que lle permitiu dirixir mais longametraxes nos anos 60 e 70 tanto no cinema coma na televisión. O seu traballo no thriller de terror The Eyes of Laura Mars (1978) protagonizada por Faye Dunaway atraiu a atención de George Lucas, quen o contratou para dirixir Empire Strikes Back (O Império Contraataca, 1980), a segunda parte cronolóxica da saga d’A guerra das galáxias e quinto episódio no orde narrativo. Aquel filme foi o maior éxito de 1980 e ainda hoxendía segue a estar entre os 50 filmes con maior recadación de todos os tempos. Cando en 1997 apareceu a versión especial, con novos efectos dixitais, esta foi a película da triloxía orixinal que precisou de menos retoques. E ademais, en O Império contraataca apareceu por primeira vez o persoaxe de Yoda, ao que chamaron Kersh, polo seu parecido co realizador.
Kersh dirixiu por segunda vez a Sean Connery no filme de 1983 de James Bond Never Say Never Again (Nunca digas nunca xamais), a que foi derradeira aparición do actor escocés na série, e logo en 1990 encargou-se doutra secuela, RoboCop 2, filme protagonizado por Peter Weller.
Na televisión, dirixiu o episódio piloto da série fantástica de Steven Spielberg seaQuest DSV, unha espécie de Star Trek submariño que durou tres tempadas, até 1996.
Ainda que estaba xa case retirado e só se adicaba a dar charlas e conferéncias, ainda tivo tempo de aparecer coma actor por derradeira vez, no filme The Last Temptation of Christ (A derradeira tentación do Cristo, 1988) interpretando a Zebedeo.
Kershner era xudeu de nacemento, pero considerába-se a si mesmo un internacionalista. Nunha entrevista en 1980 dixo: “Teño medo do patriotismo. O mundo fíxo-se moi pequeno e a conciéncia cósmica fai parecer ao patriotismo unha noción adolescente, polo que as mentes inmaduras son manipuladas doadamente por el. Coido realmente que o patriotismo no seu sentido xeralmente aceptado sinifica aceptar prexuizos sociais, e cantos menos teñamos, mais libres seremos“.