Branca Neves busca raíñas

0
181

A incipiente rivalidade entre os dous proxectos de Branca Neves que se están a preparar actualmente deu un pequeno chimpo adiante após de que a Relativity Media e mais a Universal Pictures comezasen a procura dunha actriz protagonista para o papel da Raíña Malvada nas súas respectivas versións do popular conto de fadas.

Así, seica Julia Roberts podería ser a primeira elección da Relativity en Brothers Grimm: Snow White mentres que Charlize Theron estaría a negociar a súa incorporación para o mesmo papel no proxecto da Universal, Snow White and the Huntsman.

A versión da Relativity será dirixida por Tarsem Singh (The Fall, The Cell) e tentará achegar-se mais ao conto de fadas orixinal. Pola súa banda, Rupert Sanders dirixe a versión da Universal, que se centrará mais na relación entre o servente da raíña e mais Branca Neves xusto após de que ambos decidan vingar-se da malvada raíña. Para esta última seica falou-se xa con Tom Hardy para o papel do Cazador, pero agora o nome de Michael Fassbender semella ter mais opcións.

E sobre Branca Neves, os xornais da prensa especializada dan até catro nomes que poderían estar na lista de candidatas para o papel na Universal: Riley Keough, Felicity Jones, Bella Heathcoat e Alicia Vikander. As catro pasarán ao longo da semana que ven por diversas probas de casting para decidir quen será a que se faga co cobizado papel.