Globos de Ouro 2010: Inception vai gañando

0
350

Ainda que a 68ª gala de entrega dos prémios Golden Globe non se producirá até o mes que ven, esta semana déron-se a coñecer xa os candidatos aos tradicionais galardóns outorgados polos correspondentes da prensa estranxeira en Hollywood e que sempre se consideraron coma a antesala aos Oscar.

E este ano non se puido evitar que moitos dos candidatos sexan do cinema fantástico, especialmente grazas ao traballo de Chris Nolan no filme Inception, que optará aos prémios á millor película dramática, millor director, millor guión e millor banda sonora (Hans Zimmer).

O filme de Tim Burton Alice in Wonderland optará pola súa banda aos prémios á millor comédia ou musical, ao millor actor (Johnny Depp) e millor banda sonora (Danny Elfman).

Tamén con tres candidaturas ficou Black Swan, o filme que protagonizou Natalie Portman, quen optará ao prémio á millor actriz. Xunto a ela e pola mesma película Mila Kunis é candidata ao prémio á millor actriz secundária, mentres que Darren Aronofsky podería levar o prémio ao millor director.

Con unha candidatura por cabeza están The Chronicles of Narnia: The Voyage of the Dawn Treader, que optará ao prémio á millor canzón orixinal grazas a There’s a Place For Us, e The Walking Dead, a série de zombis da AMC que podería levar o prémio á millor série dramática de televisión.

Finalmente, os cinco candidatos a millor película de debuxos animados son todos eles de xénero: Despicable Me, How to Train Your Dragon, The Illusionist, Tangled e Toy Story 3.