A zona centro de Macrópole, berce da superheroicidade nacional, amanece sumida no caos. O impacto dun obxecto voador sen identificar contra o rañaceos Top of the World dispara todas as alarmas entre a poboación civil, militar e xornalística. Coma sempre, os espertos en todo non poden confirmar nada. Aínda que están a piques de sospeitar que semellante estrago é inachacábel a calquera clase de paxaro ou avión. Tratará-se do ataque dunha nova e grotesca ameaza exterior? Ou quizais nos atopamos ante o regreso do presunto máis grande heroe coñecido por este planeta? E, sobre todo, cal das dúas posibilidades resulta menos apetecíbel?
Este é o argumento dunha obra pioneira dentro do cómic galego: un álbum de 130 páxinas en branco en negro e cunha tirada de tan só 300 exemplares que poden parecer unha sátira do cómic de superheroes pero que axiña convérte-se nun metarrelato sobre a banda deseñada, os personaxes da mesma e os problemas filosóficos atribuídos tradicionalmente ao superheroe e ao seu mundo, pero inseridos na realidade social, política e relixiosa. As referéncias ao mundo bíblico, aos universos do cómic americano e aos própios acontecementos que marcaron o destino da humanidade nos últimos tempos é máis ca patente.
Estamos ante unha historia de baleiros, de dúbidas, de desesperanza, de perda de crenzas… de grandes temas, pero tratados de xeito sinxelo, para que o lector non perda en ningún momento o contacto coa história. A constante variación de localizacións, de personaxes, vai mudando a focalización da narración, pero sen deixar nunca de lado a historia principal. É unha historia profunda, perfectamente plasmada polos debuxos de Alfonso Martínez e cun magnífico traballo de guión por parte de Nathan Carter e Juan Junquera.
En definitiva, unha grande novela gráfica que supón o debut de Volta Editores no campo do cómic, marcada en todo momento pola atención aos detalles e o coidado na súa plasmación, tanto gráfica como argumental.