A adaptación que está a preparar Ron Howard da saga de novelas de Stephen King A Torre Escura está a desatar toda caste de rumores en Hollywood. E ainda que coma rumores non teñen especial interese, si que se debe salientar que todo apunta a que será unha superprodución que se tomará moi en sério a adaptación dos libros ao cinema.
Así, contan que os axentes de moi diversos actores están coma tolos atendendo o teléfono e facendo chamadas para tentar meter aos seus representados no reparto, ainda que só sexa para unha breve aparición, dado que o filme promete ser un bombazo que asegurará moita fama e por suposto moitos cartos a todos cantos participen nel. Mesmo xa se comeza a falar dunha posíbel continuación do filme en forma de série de televisión.
O que semella ter mais posibilidades polo de agora para se facer co papel protagonista, o do pistoleiro Roland Deschain, é Javier Bardem, con Viggo Mortensen moi preto nas apostas. Howard e mais o guionista Akiva Goldsman teñen un acordo coa Universal para levar os mesmos protagonistas á série de televisión. Brian Grazer será o produtor xunto con Goldsman e King.
Segundo os informes publicado até de agora, todos eles planean facer un filme épico para escomezar, e logo continuar a história nunha série de televisión, continuar despois cunha segunda longametraxe, despois unha segunda tempada da série de televisión amosando ao pistoleiro Deschain cando era novo. E coma remate, un terceiro filme no cinema no que veremos o final da saga xa con Roland Deschain de vello.