Adéus a Pete Postlethwaite

928

O lendário actor de teatro e cinema Pete Postlethwaite morreu o pasado luns aos 64 anos de idade nun hospital de Shropshire (inglaterra) após dunha longa batalla contra un cancro de pulmón que lle fora diagnosticado en 2007.

Mália de seguir recebindo tratamento durante estes meses, Postlethwaite continuou traballando e apareceu en dous dos filmes mais importantes do ano pasado: Clash of the Titans e Inception.

Nado en 1945 en Warrington, no condado de Cheshire (noroeste inglés), Postlehwaite formou-se coma mestre antes de cursar estudos de interpretación na escola de teatro Old Vic de Bristol. Escomezou a súa carreira de actor no Everyman Theatre de Liverpool, onde tivo entre os seus compañeiros a actores tan respectados coma Bill Nighy, Jonathan Pryce ou Julie Walters, actriz coa que mantivo unha relación na década dos 70.

Entre os seus abraiantes créditos hai unha longa lista de actuacións no teatro ao longo dos anos 70 e 80, cando deu o chimpo á televisión e mais ao cinema. En 1993 acadou a súa primeira nominación ao Oscar, co filme No nome do pai, pero para os afeccionados ao xénero o seu nome e rosto ficará por sempre vencellado a persoaxes coma o cazador Roland Tembo en Parque Xurásico III, ou as súas intervencións en Alien 3, Dark Water, Aeon Flux, Dragonheart, James and the Giant Peach, Solomon Kane, ou o recente remake de The Omen.

De el contan que dixo unha vez Steven Spielberg que era “o millor actor do mundo“. Os seus amigos consideraban que sempre foi un home normal, “cunha actitude de sindicalista” e “simplemente na millor tradición inglesa“.

En 2004 foi condecorado coa Orde do Império Británico, o que non lle impediu participar en causas políticas coma as manifestacións contra a Guerra de Iraq, o apoio á campaña contra a pobreza “Make Poverty History” ou a loita contra o quencemento global.

Postlethwaite deixa esposa, Jacqui, e dous fillos, Will e Lily.