Desestimada outra demanda contra J.K. Rowling

875

A xuiza Shira A. Scheindlin, titular do Xulgado de Districto para o Sul de New York, ven de desestimar unha demanda na que se lle acusaba á escritora J.K. Rowling de copiar o traballo doutro autor cando escribiu Harry Potter e o cáliz de fogo.

Os herdeiros do defunto escritor Adrian Jacobs denunciaran que a trama do libro, o cuarto dos sete que integran a exitosa saga do neno meigo, copiaba partes da obra Willy The Wizard, incluido un concurso de máxia, e que Rowling tomou prestada a ideia de meigos viaxando en trens.

A Scholastic Corp, a editorial que publica os libros da saga nos Estados Unidos, recibiu con ledícia a decisión e citou as palabras da senténcia cando din que “o contraste entre o concepto total e o ambiente das obras é tan absoluto que calquera comparación séria entre ambas forza a credulidade“. “A desestimación do xulgado apoia a nosa postura de que o caso estaba completamente infundado e que comparar Willy The Wizard coa série de Harry Potter era absurdo“, salientou a editorial nun comunicado.

En outubro, un xuíz a cargo dun caso semellante por pláxio en Londres dixera que as afirmacións feitas por Paul Allen, administrador da herdanza de Jacob, eran “improbábeis“, ainda que non aceptou a petición dos avogados de Rowling e da sua editorial británica para desestimar inmediatamente o caso.

Segundo o administrador da súa herdanza, Jacobs – que escribiu Willy The Wizard en 1987 – procurou os servizos do axente literário Christopher Little, quen posteriormente converteu-se en axente de Rowling. Ademais engadiu que Jacobs morreu na pobreza nun hospital de Londres en 1997.

A Bloomsbury, editora de Harry Potter no Reino Unido, dixo que Rowling nunca escoitara o nome de Jacobs antes de que en 2004 se presenta-se a primeira demanda por dereitos de autor, case sete anos despois da publicación do primeiro tomo da saga de Harry Potter.