A Editorial Marvel ven de anunciar que lanzarán un novo número especial do Capitán América en loita contra un novo inimigo: os suicídios nos Estados Unidos.
Co título de Captain America: A Little Help (Capitán América: Un pouco de axuda), a Marvel lanzou gratuitamente na súa tenda online unha nova entrega do Capitán América coa que queren axudar a que descendan os suicídios nos Estados Unidos, especialmente entre adolescentes.
“Os superheroes loitan moitas batallas, pero hai poucas que sexan tan importantes coma combater os suicídios“, explicou Tom Brevoort, vicepresidente da Marvel, nun comunicado no que engade que o cómic inclúe o número telefónico gratuito de atención da Asociación Nacional de Prevención de Suicídios. “Se alomenos unha persoa chama a ese número no canto de cometer unha traxédia, teremos éxito“, dixo Brevoort sobre as intencións coas que editan este cómic de once páxinas que conta con debuxos de Nick Dragotta e guión do psicólogo Tim Ursiny.
O cómic relata a história dun rapaz que está por tirar-se dende o alto dun edifício, cando chega o Capitán América e o rapaz convérte-se na derradeira esperanza do heroe, que estaba nunha loita contra os seus inimigos.
Ademais do formato online, o cómic estará dispoñíbel en papel no número 5 da série I am an Avenger, á venda dende hoxe.
O Capitán América súma-se asemade a unha loita para evitar os suicídios, unha vaga que leva azoutando aos Estados Unidos dende hai meses, especialmente entre os veteráns de Iraq e os xoves homosexuais que non poden aturar o acoso ao que lles somete nos Estados mais conservadores. Moitos famosos, dende o presidente Barack Obama á secretária de Estado, Hillary Clinton, ou artistas coma Ricky Martin ou Elton John, lanzaron mensaxes de apoio nos últimos tempos.