O novo Álien toma forma

0
176

A precuela de Alien que está a preparar Ridley Scott, e que até agora non tiña título, ven de recibir ún, alomenos provisório: Prometheus, xusto cando a 20th Century Fox ven de confirmar que a súa estrea deberá producir-se o 9 de marzo de 2012.

Mentres tanto, tamén semella pechado o acordo polo que o papel protagonista feminino de Elizabeth Shaw será adxudicado á actriz Noomi Rapace, que deste xeito impon-se ás preferéncias dos estudos, que querían que Charlize Theron ocupase o papel.

Rapace, a estrela da triloxía sueca Millennium, é nestes intres a actriz mais de moda entre os directores de Hollywood, se ben as produtoras e mais os estudos non terminan de confiar no seu peculiar rostro. Así, ainda que o papel protagonista será para ela, Theron e mais Angelina Jolie ainda están a rondar o outro papel principal feminino, o de Vickers.

Jon Spaihts escribiu o guión orixinal, que será unha precuela ao Alien orixinal de 1979 dirixido polo mesmo Scott e nel tentará-se explorar a orixe das creaturas alieníxenas que dirixían a nave espacial que se estrelou no planetoide LV-426 e que aparecen só un momento no filme orixinal. Agora, Scott e Damon Lindelof estiveron a traballar xuntos na nova versión que engadirá novos elementos á história, se cadra aclarando a orixe destes pilotos espaciais.

Unha cita de Scott indica que o filme estará ambientado no mesmo universo dos filmes de Alien, pero que é probábel que non vexamos aos xenomorfos para nada: “ainda que Alien foi de feito o punto de partida deste proxecto, do proceso creativo evolucionou unha nova e xigantesca mitoloxía e un un universo no que esta história orixinal ten lugar. Os fans descubrirán partes do ADN de Alien, por así dici-lo, pero as ideias abordadas neste filme son únicas, grandes e provocativas“.

Lindelof engadiu que “nun mundo inundado por precuelas, secuelas e relanzamentos, fiquei incríbelmente abraiado polas visións orixinais de Ridley para este filme. É ousado, visceral e con sorte, a derradeira cousa que ninguén espera“.