A Marvel mata a ún dos 4 Fantásticos

0
198

A editorial Marvel rematou co suspense que mantiña aos afeccionados apostando coma nunha ruleta rusa. Após de anunciar o mes pasado que ún dos integrantes d’Os 4 Fantásticos ía morrer, finalmente soubemos quen é o desafortunado que regresará ao limbo de onde saen todos os heroes.

[OLLO: SPOILERS MAIS ADIANTE]

Así pois, no número 587 da série Fantastic Four, posta onte á venda nos Estados Unidos, soubemos por fin que a Antorcha Humana é o persoaxe que perde a vida.

Seica a editorial levaba planeando esta morte dende había anos, e este será tan só o primeiro chanzo nunha série de acontecementos que poderían facer tremer os alicerces do Universo Marvel. Jonathan Hickman, o guionista dos Catro Fantásticos, tivo a ideia hai dous anos de facer evolucionar aos persoaxes e aos conceptos presentados ao público hai xa case 50 anos no número 1 do cómic. Segundo Tom Brevoort, Vicepresidente da Marvel Entertainment, “a morte da Antorcha Humana é o primeiro movemento importante nesta incríbelmente emocionante evolución da lendária franquía dos Catro Fantásticos e unha parte necesária da história mais grande que narraremos sobre os queridos persoaxes mais adiante“.

De feito, a Antorcha Humana non é o único que morre nesta história: o número 588 será o derradeiro dos Catro Fantásticos. Ainda non se sabe o que será dos tres sobrevivintes, pero o mais probábel é que creen un novo grupo (e un novo cómic) titulado Os Tres Fantásticos.

Johnny Storm converteu-se na Antorcha Humana aos 16 anos, mentres viaxaba a bordo da nave espacial que resultou exposta aos raios cósmicos que mutaron aos pasaxeiros e os converteron nos Catro Fantásticos. Durante a súa carreira, Johnny foi actor, xefe financeiro de Fantastic Four Inc., mecánico e membro dos Vingadores Secretos. A última vez que vimos ao heroe foi mentres se enfrontaba a unha invasión extra-terrestre.

De calqueraxeito, a morte nos cómics non adoita ser tan definitiva coma na vida real. Os persoaxes poden regresar de entre os mortos e este tamén podería ser o caso. Tom Brevoort non quixo confirma-lo, pero en declaracións a unha emisora detelevisión dixo que “o feito da morte é algo co que todos os sers humanos podemos identificar-nos. Eu diría que unha história ben narrada da morte dun persoaxe non é necesáriamente desfeita polo seu regreso posterior“.