Paso adiante para Ender

0
188

Após de mais dunha década de proxectos, postas en marcha e paralizacións, seica a adaptación ao cinema do clásico da ciéncia-ficción de Orson Scott Card O xogo de Ender ven por fin de dar outro paso adiante na boa dirección.

A história, coñecida por todos os fans, xira ao redor dun neno que entra na Académia do Exército e debe loitar nuns simuladores de combate contra os insectores (buggers ou formics no inglés orixinal), unha raza alieníxena que quere conquistar a Terra. Pero a medida que avanza a novela, a persoalidade do rapaz vai mudando e tamén a súa saúde mental. O fin da novela é ún dos mais espectaculares da história da literartura de ciéncia-ficción e valeu-lle no seu día acadar os prémios Hugo e nebula no mesmo ano.

O nome de Wolfgang Petersen vencellára-se anteriormente á dirección deste filme, pero a mediados de 2008 renunciou a continuar e dende aquela non se soubo mais do proxecto, que ficou no caixón do esquecemento en novembro daquel mesmo ano.

Despois, en setembro do ano pasado, soubo-se que Gavin Hood (X-Men Origins: Wolverine) viña de reescribir o guión e que estaba a se postular como director do filme, que sería producido pola Odd Lot Entertainment.

Agora, o duo de guionistas que escribiron con grande éxito Star Trek e Transformers, Alex Kurtzman e Robert Orci, semella ser a última fichaxe dos estudos para poñeren-se á fronte da produción ou para escribir o guión unha vez mais. No seu Tweeter oficial, Orci escribiu hai uns poucos días: “O xogo de Ender! Nós (K/O) Oddlot e Gavin Hood imos desenvolver este marabilloso guión! Quen quere mais?“.

Pola súa banda, Kurtzman está ocupado nestes intres dirixindo o seu primeiro filme Welcome to People, que o seu compañeiro Orci produce. A parella está ademais vencellada alomenos a outros catro proxectos, entre os que se atopa a secuela de Star Trek.