Novos nomes en Akira

0
179

Steve Kloves, quen xa adaptou ao cinema todos os guións da série de Harry Potter (agás o d’A Orde do Fénix), ven de ser contratado para lle dar un novo retoque á adaptación con actores reais que Hollywood prepara de Akira, o clásico manga cyberpunk de Katsuhiro Otomo.

Albert Torres fora contratado en xuño para ecribir a versión mais recente deste filme, que tamén contou entre os guionistas anteriores a xente coma Mark Fergus, Hawk Ostby e Gary Whitta.

Por outra banda, seica James Franco está en negociacións para facer o papel de Kaneda, se ben os rumores sobre Franco o inclúen en cada nova produción da que se ten notícia últimamente.

A história orixinal estaba ambientada nun Tóquio do futuro, cando após dunha guerra nuclear a cidade está chea de luces de neón. Kaneda é o líder dunha banda de motoristas cuxo amigo Tetsuo fica envolto nun proxecto secreto do governo chamado Akira. Mentres tenta salva-lo, Kaneda atópa-se con activistas antigovernamentais, políticos corruptos, científicos irresponsábeis e un despótico líder militar.

A confrontación fará que esperte o poder sobrenatural de Tetsuo, até daquela oculto, e que fará que se desvele a verdade sobre o proxecto secreto que o governo tratou de manter agocho trinta anos atrás. A história xa foi levada ao cinema nun anime de 1988 que está considerado coma un clásico do xénero. Esta versión ten plans de ser moi fiel ao manga orixinal e podería estender-se ao longo de vários filmes.

Albert Hughes (director do filme de propaganda relixiosa The Book of Eli) será o responsábel deste proxecto, que aínda non ten data para o comezo da rodaxe.