Luthor regresa a Smallville

0
155

Após moitos meses de lle dar voltas, Michael Rosenbaum, o Lex Luthor mais recoñecido da pequena pantalla, ven de chegar a un acordo para repetir o seu papel de sempre no especial de dúas horas de duración que pechará definitivamente a série de televisión Smallville.

Todos os protagonistas da série levaban meses pedíndo-lle que regresara, pero só esta semana se soubo que as conversas chegaron a bó porto e o acordo está xa asinado. Á série ainda lle quedan por rodar tres episódios e seis semanas de traballo nesta décima e derradeira tempada de emisión nas pantallas.

Rosenbaum dixo nun comunicado que “estou a facer isto simplemente por todos os fans que convertiron a Smallville no grande éxito que é”, e engadiu que “aprezo toda a súa paixón, a súa crueldade e mesmo as súas ameazas, ha, ha, ha…“.

Rosenbaum apareceu na série por última vez hai xa case tres anos durante o episódio final da sétima tempada, cando semellaba ter morto baixo os xeos do océano Ártico, pero foi visto na seguinte tempada dentro do corpo dun cadáver queimado e desmembrado, interpretado por outro actor.

Mália ese terríbel final, durante esta tempada houbo algunhas pistas que semellaban indicar que Luthor regresaría e que se descobriu un clon do seu persoaxe, un neno chamado Alexander que está a envellecer moi rápido e que cada vez é mais e mais sinistro.