Caruso dirixe ao Predicador

0
170

Case un ano despois de que o realizador de Revolutionary Road e American Beauty, Sam Mendes, abandoara o proxecto para se comprometer coa nova entrega da saga de James Bond, DJ Caruso (Disturbia, I Am Number Four) semella ser a elección dos estudos para se sentar na cadeira de director da adaptación ao cinema de Preacher, a série de cómic da editorial Vertigo.

Creada por Garth Ennis e Steve Dillon, a saga de 75 números ía sobre un predicador vagamundo de Texas que está posuído por Xénese, unha entidade sobrenatural filla dun anxo e un demo.

Dotado de inmensos poderes, o predicador forma equipa cunha antiga ex-moza e mais un vampiro irlandés borracho e xuntos viaxan por toda América para atopar a Deus, quen abandoou as súas obrigas no Ceo, e pedir-lle responsabilidades pola súa neglixéncia coma ser supremo.

Joe Carnahan estivo hai unhas semanas na boca dalgúns médios para a dirección, que mesmo chegou a ser ofrecida a Darren Aronofsky. O produtor Neil Moritz dixo que o guión de John August é “unha adaptación realmente fiel pero feita probábelmente mais accesíbel a unha audiéncia mais grande“.

O filme estará clasificado “R” (para maiores de 18) e planea ser o primeiro dunha saga, pero leva dando tumbos ao longo dos últimos anos, con sucesivos comezos e atrasos na produción, que incluiu unha potencial série de televisión na HBO que produciría Mark Steven Johnson.