Non importa o malo que poidas ser, que nunca chegarás ao nivel das hordas de Mordor descritas por J.R.R. Tolkien en O Señor dos Anéis. Liderados por unha entidade pantasmal que se manifesta coma un xigantesco ollo de lume sen párpados, e composta por repugnantes orcos, trolls e estranxeiros, os exércitos de Mordor son ao final derrotados e aniquilados polos virtuosos e nobres elfos, os ananos e os seres humanos, unha unión coñecida coma “os povos libres” da Terra Média. Ninguén derramou nin unha soa bágoa pola caída de Mordor, se ben o hobbit Sam Gamgee preguntou-se por un segundo se un soldado inimigo morto é verdadeiramente malo ou se simplemente foi mal dirixido ou obrigado a servir ao señor escuro Sauron.
O certo é que en todas as histórias hai duas faces, ou por citar aos que gostan de relativiza-lo todo, a história escríbena os vencedores. E esa é a filosofía que subxaz após The Last Ringbearer (O derradeiro portador do anel), unha novela ambientada durante e despois da Guerra do Anel (a batalla decisiva ao remate de O Señor dos Anéis) e narrada dende o punto de vista dos perdedores. Nela, Gandalf xa non é un loitador pola liberdade senón un señor da guerra que se opón á ciéncia e á tecnoloxía e que pretende que todo sega sendo sempre coma sempre foi.
A novela foi escrita por Kirill Yeskov, un paleontólogo ruso, e publicada con grande éxito no seu país en 1999. Noutros países apareceron co tempo traducións, pero os herdeiros de Tolkien vixían con man de ferro que ninguén lles faga sombra sobre o seu tesouro: os prezados dereitos de autor grazas aos cales viven sen traballar, polo que prohibiron a súa publicación en inglés durante todos estes anos.
Nombergantes, todo iso mudou cando o ano pasado Yisroel Markov publicou a súa tradución ao inglés de The Last Ringbearer como descarga gratuíta neste sítio Web. Ainda que algunhas pasaxes peor traducidas do libro foran publicadas anteriormente en vários sítios Web, a de Markov é a versión oficial, producida coa cooperación e amais a aprobación do mesmo Yeskov. E ainda que o status da nova tradución é ainda de prohibición total nos países onde os dereitos de autor son mais importantes có dereito á sanidade pública, por poñer un exemplo, o feito de que a nova tradución sexa gratuíta impide que ninguén poida presentar accións legais, xa que non hai benefícios económicos para ninguén.