A Yamato regresa ao cinema

0
202

O guionista Christopher McQuarrie (Valkyrie) será o encargado de fornecer cun libreto á nova longametraxe que adaptará ao cinema a clásica franquía de Star Blazers na Skydance Productions, pero nesta história seica hai mais do que se ve, porque moitas fontes aseguran que ainda hai produtoras atrás dos dereitos, a Lucasfilm entre elas.

Coñecida pola súa imaxinería épica e polos seus temas de nobreza e sacrifício heróico, respecto polos heroes perdidos no cumprimento do deber e outras fazañas militares, a saga de Star Blazers é unha readaptación e re-edición da série de debuxos animados xaponesa dos anos 70 Space Battleship Yamato.

A saga extendeu-se ao longo de tres séries de televisión, cinco longametraxes e unha chea de merchandise. Nos anos 90 a Walt Disney produciu unha adaptación con actores reais, e en 2006 houbo intentos de revivir a franquía unha vez mais.

A história está ambientada no século XXII, xusto despois de que un ataque alieníxena obrigara aos poucos supervivintes a mudar-se a cidades subterráneas. Cando chega unha mensaxe dende un afastado planeta, no que prometen unha cura para a radiación que asóla á superfície, os derradeiros vestíxios de esperanza da Terra residirán na tripulación dunha poderosa pero nunca probada nave espacial, que debe chegar ao lonxano planeta aliado e regresar a casa, antes de que sexa demasiado tarde.

O ano pasado estreou-se en Xapón unha versión con actores reais de Space Battleship Yamato, acadando un grande éxito en críticas e en espectadores. Velaquí o seu tráiler: