Na pasada Comic-Con de New York (febreiro 2007), o editor da Marvel Comics, Dan Buckley, confirmou que a súa compañía estaba a traballar na posíbel distribución dixital de cómics. Non deu datas nin prazos, pero afrontando a realidade afirmou rotundamente que “a distribución dixital de cómics é algo moi real co que teremos que tratar porque, gustemos ou non, os nosos cómics xa están na Internet“.
Recentemente se soubo o probábelmente será o futuro do cómic: o chamado Marvel Digital Comics Unlimited, un arquivo de cómics en alta resolución de máis de 2.500 cómics que incluirá primeiros números e material descatalogado por só 40,82 euros ao ano, ou sexa 6,81 euros ao mes. Pero iso non é todo, xa que tamén estarán dispoñíbeis os novos números das coleccións regulares, e ofrecerá-se unha ampla posibilidade de visionado aos internautas: ampliación de detalles, ver animacións frame a frame, etc. Para axudar ao seu lanzamento, a Marvel ofrecerá unha proba gratuita do servicio con 250 títulos ainda que, para protexer as súas vendas, os novos números das coleccións regulares non estarán na Web da Marvel até pasados seis meses dende a sua publicación nos quiosques. En calquera caso, iso suporá te-lo entre sete e oito meses antes que nos quiosques e librarías de Galiza, por un prezo ínfimo en comparanza e con toda a calidade dixital dispoñíbel.
A necesidade desta aplicación está clara para Buckley: “Non queríamos que nos colleran por sorpresa rapaces que hoxendía xa teñen a tecnoloxía que lles permite lér cómics en formato dixital. O noso corpo de fans xa está na Internet. Semella o camiño natural a seguir“. Joe Quesada segue na mesma liña: “A nosa calidade é maior, a nosa biblioteca é enorme e nunca nos desfasaremos […] esta é a maneira legal de facer as cousas“. Cando se lle pregunta por como pensan gañar cartos por un servizo de publicacións online que os xornais e outros méios de comunicación levan anos tentando rendabilizar e cobrar, Buckley foi claro: “Podes conseguir as novas en calquera parte. Pero somos os únicos que temos a Spiderman“.
Se estades interesados en ver como funciona xa na realidade, podedes miralo por vós mesmos no sítio Web da Marvel Comics, supoñendo que volva estar activo nalgún intre, claro. O visor tamén inclúe un buscador que permite organizar por série, autor, persoaxe, o máis novo ou por favoritos.