Mortal Kombat, censurado en Austrália

0
244

O organismo governamental encargado da censura prévia en Austrália ven de rexeitar dar-lle unha clasificación á última entrega do popular videoxogo Mortal Kombat, co que na práctica a súa venda fica prohibida en toda a illa.

A clasificación ven dada por mor das “representacións gráficas realistas de mutilacións e vísceras causadas polas feridas“. Este xogo, que é un relanzamento da série, contén mais de sesenta escenas de morte, con imaxes gráficas de decapitacións, desmembramentos e sangue.

A Warner Brothers dixo que está a considerar todas as opcións, incluindo unha apelación, que xa tivo éxito anteriormente con títulos coma Aliens vs. Predator e F.E.A.R. 2. Mentres tanto, agárda-se que moito xogadores australiáns importen o videoxogo mercándo-o noutros países.

Curiosamente, foi unha controvérsia co mesmo videoxogo, pero co orixinal lanzado no ano 1994, o que ocasionou a creación en Austrália do organismo censor, promovido pola igrexa e os grupos cristiáns que desexaban salvar a moral dos nenos.

Así, a comisión censora ten a capacidade de determinar se un videoxogo é apto para nenos pequenos, até 15 anos ou entre 15 e 18. Pero dado que os videoxogos, segundo a devandita comisión, son só para menores de idade, non existe ningunha clasificación para maiores de 18, polo que os videoxogos que non son aptos para menores simplemente non reciben ningunha clasificación, e sen clasificación non poden ser vendidos legalmente.

O ano pasado 89.000 sinaturas esixiron ao governo do país que crease unha clasificación “para maiores de 18” para os videoxogos, coma xa existe para o cinema, na que foi a petición pública con mais asinantes da história de Austrália. Nombergantes, o governo conservador considerou que os videoxogos son matéria de nenos e rexeitou a proposta.

Ao longo dos últimos anos foron moitos os videoxogos que resultaron vetados en Austrália, grazas sobre todo á laboura incansábel do Fiscal Xeral do Estado de Austrália do Sul, Michael Atkinson, cuxa aprobación era necesária para crear unha clasificación “para maiores de 18”. O ano pasado Atkinson renunciou ao seu cargo, o que abriu esperanzas aos xogadores, pero a nova xunta de Fiscais Xerais decidiu que non tomaría unha decisión até o ano que ven, 2012.