Ao cabo do que resultou ser unha história chea de altibaixos para os fans de H.P. Lovecraft, xa temos confirmación de que finalmente non haberá película sobre As Montañas da Loucura, o filme que estaba a preparar o director mexicano Guillermo del Toro baseado na novela homónima do mestre de Providence.
Onte a primeira hora deu-se a coñecer a nvoa de que a produción ía pasar por unha proba final, a proxección dun tráiler diante dun grupo de executivos da Universal Pictures que debían decidir se daban a luz verde para a financiación do proxecto, que debía escomezar a se rodar en xuño.
O filme tiña previsto ser unha adaptación en 3D da novela de terror e ciéncia-ficción orixinal de H.P. Lovecraft, publicada por primeira vez en 1931, e na que un grupo de exploradores da Antártida atopan os restos dunha antiga civilización perdida e mais antiga cá humanidade, todo elo envolto nunha atmosfera de mistério e de terror que encaixa co resto dos Mitos de Cthulhu do mesmo autor.
Todo semellaba ir ben co proxecto, e del Toro (O Labirinto de Pan, Hellboy) estaba á frente do mesmo, con James Cameron coma produtor xunto a Susan Montford e Don Murphy. Mesmo falába-se de que Tom Cruise estaba desexando protagoniza-lo. Pero ao final do día o soño veu-se abaixo.
Mália unha presentación visual que deixou abraiados aos executivos dos estudos, e que mesmo encaixaba dentro das súas previsións financeiras, seica ao final a aposta por un filme de 150 millóns de dólares clasificado para maiores de 18 anos e destinado sobre todo a un público selecto (non todo o mundo coñece a Lovecraft) non convenceu aos estudos, que decediron non dar a súa aprobación.
Un xornalista en contacto con del Toro enviou-lle un e-mail preguntando se recebira a luz verde para o proxecto, pero a lacónica resposta foi “Todo o contrário. O proxecto está morto“.
Así pois, e dado que os seres ultradimensionais de Lovecraft non encaixan na definición de monstro que pode ir de regalo nas caixas de cereais, a Paramount considerou que todo o filme debía paralizar-se. Agora, a Legendary Pictures está xa a lle ofrecer a del Toro a dirección doutro proxecto, Pacific Rim. Se cadra, e se este filme ten éxito, as Montañas irían despois.