Denúncia contra o director do Festival de Sitges

0
261

A Fiscalía de Barcelona ven de presentar unha denúncia nos xulgados desta cidade contra o director do Festival de Cinema de Sitges, Ángel Sala, pola exhibición da polémica película A serbian film na última edición do certame o pasado mes de outubro. A fiscalía acusa a Sala dun delito de exhibición de pornografía infantil por permitir o pase da fita, na que aparecen dúas imaxes que supostamente traspasan a legalidade: a violación dun bebé recén nado e outra de sexo cun neno de cinco anos.

A denúncia está á espera de ser repartida e de que o xulgado abra dilixéncias. A fiscalía considera que Sala poido cometer un delito recollido no artigo 189.7 do Código Penal, que castiga con penas de tres meses a un ano de cárcere ou multa a quen “produxera, vendera, distribuíra, exhibira ou facilitara por calquera médio material pornográfico no que non sendo utilizados directamente menores ou incapaces, emprégue-se a súa voz ou imaxe alterada ou modificada“.

A orixe do caso sitúa-se nunha denúncia que presentou unha asociación de defensa do menor na Fiscalía Xeral do Estado, ao saber que se exhibira a película no Festival de Sitges. Unhas semanas antes xa se presentara outra denúncia semellante co gallo da XXI Semana de Cinema Fantástico e de Terror de San Sebastián. Daquela, unha xuiza prohibiu a exhibición da película.

Após de recebir a denúncia, a Fiscalía de Barcelona solicitou unha cópia de A serbian film e a visionou. Pouco despois chamou a declarar como imputado a Ángel Sala, quen negou ter visto a película e coñecer as polémicas esceas. A fiscalía, polo contrário, sostén que esa versión non é certa e que existen mensaxes de e-mail e documentos que se axuntaron á denúncia que a rebaten. A película proxectou-se nunha única ocasión, a média-noite, no decurso do Festival de Sitges.

A Serbian film foi dirixida a por Srdjan Spasojevic, quen definiu a fita coma “unha metáfora da nosa vida cotiá, na que somos explotados por outros que manexan o noso destino dende que nacemos até que morremos“. A fita explica a história dun actor porno retirado que recebe un cheque en branco por participar na obra definitiva, que inclúe escenas moi violentas e de sexo extremo. Á parte do Festival de Sitges, o filmeexhibiu-se en Inglaterra, onde se lle censuraron cinco minutos, e noutros países.

A fiscalía barallou a posibilidade de chamar a declarar tamén ao director e de lle denunciar, pero desistiu pola dificultade para lle imputar o delito, dado que as leis sobre pornografía son distintas en Sérbia, de onde é nativo o seu director.