O rei mono de Gaiman

0
180

O escritor e guionista de cómics Neil Gaiman será o encargado de redactar os libretos en inglés para unha nova série de películas en 3D de grande orzamento baseadas en Viaxe ao Oeste.

A clásica novela chinesa do século XVI sobre fantasía épica trata sobre as aventuras do Rei Mono na súa viaxe dende China á Índia. A obra xa foi adaptada moitas outras veces, incluindo unha série de televisión nos anos 70 titulada Monkey, e mais recentemente no cinema en 2008 co film The Forbidden Kingdom, e mesmo ao mundo dos videoxogos, coma no caso de Enslaved: Odyssey to the West, publicado o ano pasado.

Sun Wukong, ou Rei Mono, é o persoaxe central desta clásica novela fantástica chinesa. Nela, Sun é un mono nado dunha rocha, que adquire poderes sobrenaturais grazas ás prácticas taoistas. Após de se rebelar contra o ceo e ser feito prisioneiro baixo unha montaña por Buda, acompañará ao monxe Xuanzang nunha viaxe para rescatar as sutras (documentos) budistas da Índia. O manga Bóla de Dragón está baseado tamén nesta antiga lenda.

Gaiman escribirá un primeiro esbozo durante o mes que ven, co que tentará atraír investimentos abondo para permitir ao produtor Zhang Jizhong contratar a un director, un reparto de actores chineses e occidentais e unha empresa que se encargue dos efectos especiais. O ano pasado Zhang dixo que a série de películas costarían ao redor dos 300 millóns de dólares.

O plan de Gaiman é facer “películas, non episódios. Esta história está no ADN de 1.500 millóns de persoas… temos que facer o que Peter Jackson fixo co Señor dos Anéis“, segundo dixo á prensa.

O nome de Gaiman é xa lendário para calquera afeccionado ao cómic, coma autor da aclamada série de cómics The Sandman ou das novelas Coraline e Stardust, ambas convertidas en películas de cinema nos últimos anos. O seu traballo mais recente para a televisión foi un guión que ainda non foi emitido para a sexta tempada da série Doutor Who.

Polo de agora o único temor é que Gaiman fique atrapado pola censura do governo chinés, que adoita vixiar atentamente  todas as conversións desta novela, a fin de que non se poidan percebir nelas críticas á ditadura.