Afunden o Submariño Amarelo

0
229

A Walt Disney Co. ven de rexeitar oficialmente o vindeiro proxecto para o cinema do realizador Robert Zemeckis, un remake con debuxos animados xerados por computador do clásico filme dos Beatles Yellow Submarine.

Zemeckis escomezou a traballar neste proxecto a mediados de 2009 e a finais do ano pasado revelou que Cary Elwes, Dean Lennox Kelly, Peter Serafinowicz e Adam Campbell interpretarían aos Fab Four no filme vía mo-cap, a mesma tecnoloxía que utilizou en anteriores longametreaxes coma Beowulf e A Christmas Carol. O plan tamén pasaba por utilizar dezaséis canzóns dos Beatles, para o que xa contaba coa cooperación da Apple Corps, propietária dos dereitos sobre a música.

O proxecto pasou por unha chea de obstáculos nos últimos meses, entre problemas co orzamento e atrasos, até a decepción da tecnoloxía mo-cap nos despachos de billetes. E a nova do rexeitamento final supón un durísimo golpe para Zemeckis, após de que esta pasada fin de semana se estrea-se sen pena nin glória o seu filme Mars Needs Moms!, que tiña un orzamento de 150 millóns de dólares, xa imposíbeis de recuperar.

Agárda-se de todos os xeitos que o director escomece a traballar nalgún novo proxecto xa sen tanta tecnoloxía e que tente vender o seu submariño amarelo a outra produtora.