Amencer Vermello sen chineses

0
235

Non cabe dúbida de que ainda que din que os tempos están cambiando, as cousas seguen coma sempre: os cartos son os que mandan. E proba delo é que a MGM ven de decidir trocar aos malvados do seu vindeiro remake de Amencer Vermello, mália que o filme foi rodado en 2009 e xa completou a súa post-produción.

Baseado no clásico de 1984 dirixido por John Milius, a história vai sobre un grupo de rapaces que se axuntan para loitar após de que a súa vila nos Estados Unidos fora invadida por un exército soviético. E se no orixinal os malos eran os rusos, no remake rodado en 2009 eran unha coalición dominada polos chineses.

Pero claro, iso non gusta nada aos novos donos dos cartos. O governo chinés está a investir moitos millóns de dólares en Hollywood para tentar facer esquecer ao mundo que é o mesmo que invadiu o Tíbet e que é o mesmo que mantén a mais de mil millóns de seres humáns baixo unha terríbel ditadura totalitária. Así que os malos xa non poden ser chineses, porque os chineses son os que poñen os cartos.

Polo tanto, os malos deste remake serán os norcoreáns, outro país comunista dominado por unha ditadura, pero que a diferéncia da chinesa, non ten cartos abondo como para mercar as vontades dos que fan as películas. E ainda que o argumento soe mais ben absurdo, por non dicir ridículo, será o exército de Corea do Norde, un país pequeno e pobre, o que invada aos americáns, á primeira poténcia mundial.

O produtor Tripp Vinson foi o encargado de poñer a face diante dos médios de comunicación, co dubidoso propósito de convence-los do acertado do troco: “ao princípio resistímo-nos ao troco. Pero após de considera-lo coidadosamente ideamos un xeito de facer un Amencer Vermello mais aterrador, intelixente e perigoso que coidamos que mellora o filme“.

Os cámbios no filme non sairán gratis, e de feito custarán ao redor dun millón de dólares. Iso incluirá o borrado dixital de todas as bandeiras chinesas, os símbolos militares, os diálogos en chinés e mesmo a escena inicial, a que trata sobre a invasión.

Chris Hemsworth, Josh Peck, Adrianne Palicki, Josh Hutcherson, Isabel Lucas, Connor Cruise e Edwin Hodge foron os protagonistas deste filme, dirixido por Dan Bradley, e que seica após de todos os trocos podería estar listo para a estrea a finais deste ano.

O ano pasado Tomorrow, When the War Began, un filme australián cun argumento semellante, sofriu o boicot dos chineses e as ameazas de todo tipo, incluíndo as xa clásicas de racismo, por presentar ao país asiático como invasor. Iso obrigou aos produtores a eliminar a meirande parte das referéncias á China na película, ficando ao final un exército invasor totalmente desdibuxado e misterioso, no que non é posíbel ver símbolos nin faces.