Prime Focus, a compañía responsábel da apresurada conversión ao formato 3D de Clash of the Titans e a un pouco menos apresurada pero tampouco moi boa de The Chronicles of Narnia: The Voyage of the Dawn Treader, será a encargada de pasar das dúas dimensións ás 3D o filme Star Wars: Episode I: The Phantom Menace.
Nunha nota de prensa oficial, George Lucas dixo que “era incríbelmente importante para min contar coa tecnoloxía, os recursos e o tempo para facer isto axeitadamente, estou moi contento cos resultados que estou a ver co Episódio I“.
O supervisor de efectos especiais da ILM e gañador dun Oscar John Knoll será o encargado de levar a cabo o proceso, e comentou que non debería haber problemas coma os anteriormente mencionados xa que a compañía non ten presa para sacar adiante o proxecto: “conseguir os mellores resultados da conversión estéreo require unha chea de atención aos detalles, e é imperativo que te tomes o tempo para face-lo ben, e iso é o que estamos a facer“.
Knoll engadiu que a conversión non será demasiado óbvia. “A visión de George foi engadir unha dimensión ao filme de xeito subtil. Esta non é unha conversión novedosa, con cousas que chimpan da pantalla á face do espectador, o noso obxectivo foi mellorar a clásica experiéncia nas salas de cinema da Guerra das Galáxias, utilizando a última tecnoloxía“.