Posesión

1657

Título Orixinal: The Regulators
Richard Bachman (seudónimo de Stephen King), 1996
Ed. Plaza & Janés
413 páxs.

Se en DESESPERACIÓN o señor Stephen King ofértanos unha novela con “demo-xurdido-da-mina-que-posúe-a-un-poli”, agora será “demo-xurdido-da-mina-que-posúe- a-un-neno”. A acción desprázase dende o lugar orixinal, ou sexa, o deserto, até o lugar onde residen os tíos do rapaz, un deficiente mental que pasaba pola zona da mina cos seus pais, que foi posuído, matóu á súa família, e ven de ser adoutado polos seus tíos, unha parella que reside nunha pacífica vila de Ohio. As persoaxes son case as mesmas da outra vez, inda que algo cambiadas: son os mesmos nomes, pro con distintas circunstáncias. Algúns, coma Cynthia (que por certo tamén aparece en El retrato de Rose Madder) ou o escritor Marinville son practicamente os mesmos, insertos nunha espécie de “what if”, mentres que outros trocanse totalmente, coma o poli, ou algúns rapaces, que aquí se convirten en adultos.

O embrullo de persoaxes é un elemento fundamental nesta novela. Sen el, POSESIÓN sería algo moi distinto, pero dende que S.K. descubrira as enormes posibilidades que dá a mistura contínua de dúcias de personaxes nunha mesma novela (aló por Needful Things), sen deixar que ningún deles sexa claramente o protagonista, seica “caéuno-la gorda”: haberá que recurrir constantemente ó mapa da páxina 1, na que figuran case tódolos residentes no bárrio, para ir
vendo quén é ese que ven de ser devorado, ou para enteirarse de quén era o que estaba a disparar. Así alomenos poderemos pasalo ben cando morran os que nos caían mal.

O pequeno deficiente, Seth, resulta estar posuído polo monstruoso Tak, pero como adoita ser habitual (­ouh, non! outra vez?) o rapazolo é listísimo, no fondo, así que coa súa axuda e cun pouco da grande habilidade da súa nai adoutiva, Tak ten as horas contadas. Antes diso, destroirá médio bárrio, masacrará ós seus habitantes e darános a nós a nosa dose de sangue e vísceras latexantes, que para iso compran-se estes libros, seica din.

Stephen King xoga nesta novela con máis elementos cotiáns, coma as séries infantís de debuxos animados, a súa suposta violéncia, a súa excesiva comercialización (os xoguetes da série toman vida própia gracias ó neno), e unha película vella de vaqueiros (The Regulators), que o traductor nos fai ver que se desenrola pouco menos ca en Guatemala, a xulgar polas expresións dos persoaxes (inda que hai que recoñecer que en Galiza “disfroitamos” de Bonanza con acento chihuaua). O mundo familiar que eiquí se describe (vila do médio oeste, famílias vivindo en casas, comércios típicos) resultame, alomenos a mín, absolutamente alleo, se ben hei recoñecer que semella moi próximo ó ideal de “american way of life” que logróu que King sexa tan popular en América. Se a iso lle engadimo-lo eito de nenos de tódalas clases que abellan por alí, empezome a temer que até que os fillos de Stephen King medren, non voltaremos a tér novelas con persoaxes maduras outra vez.

O resultado de todo isto é que esta novela é moi inferior á antes comentada, DESESPERACIÓN, xa que carece dos mínimos elementos de interese da orixinal. O único que, paradóxicamente, pode resultar tentador é adquiri-lo libro para completa-la colección e ver dende tódolos ángulos posibles o mundo de Stephen King, no que as persoaxes cambianse de libros, as vilas existen en diversos mundos, e as séries de debuxos animados convírtense en mortíferas armas nas maos de horrendos demos.

King non quixo revelar cál das dúas escribíu antes, e segundo el mesmo afirma, pódese lér só unha sen perderse ren, nin é necesário lé-las dúas para enteirarse do que sucede. Todo isto é certo, pero a sensación que queda tras lér POSESIÓN é moi semellante a esa que subsiste tras ver un programa dos de “tomas falsas” da nosa série favorita. O editor pensa que o seu autor góstanos tanto, que mesmo nos vende os seus refugallos.

Total
Calificación
Artigo anteriorDesesperación
Seguinte artigoEl Juego de Ender
posesionA sensación que queda tras lér POSESIÓN é moi semellante a esa que subsiste tras ver un programa dos de "tomas falsas" da nosa série favorita.