Autor: R.L. Stine
Editorial: Círculo de Lectores
Idioma: Español
Stiner é un autor de noveliñas para rapaces moi novos, moi popular nos EE.UU. e creador desa colección que pode que vos soe dalgo, Pesadillas, esencialmente para nenos. E con Superstición diabólica introdúcese por vez primeira na, seica, máis proveitosa literatura “para maiores”. ¿E cómo se fai iso? Pois está moi claro: facendo o mesmo de antes, pero metendo moito sexo.
Dito e feito. Superstición diabólica é un relato no que unha rapaza bastante “descocada” (como diría a miña aboa), tras de rachar có seu anterior noivo, que semellaba máis un asasino en poténcia ca un “neno rico” normal, vaise a estudiar a unha pequena Universidade dunha vila perdida de Pennsylvania, onde atopará á súa vella amiga de sempre e a un novo profesor, Liam, recén chegado. Este novo profesor é un irlandés, moi supersticioso, pero tamén moi lanzal… e moi solteiro.
A rapaza, Sara, rápidamente síntese atraída, e o home seica pois o mesmo. A ninguén lle parece mal que el teña vinte anos máis (se cadra, aí está o Cascos protagonizando unha novela de terror moito máis realista) e así, casan e vanse vivir ó fogar del, xunto á súa irmá, unha muller que semella “boíña de máis” por aturar todo o que está a acontecer. E mentres tanto, unha besta abominable anda por aí asasinando de xeito espantoso a todo aquel que teña a mala sorte de se atopar coa amante parella, e a Policía, un par de paifocos que seica deben ser parentes do Gordo e o Fraco, vese incapaz de atopar pista ningunha. Claro, de novo é o conto de sempre: unha vila pequena, e o clásico “aquí nunca acontecera cousa semellante, señor”.
¿E o sexo? Pois é todo o demáis. A rapaza protagonista describe con morbosa delectación seudopornográfica tódalas fazañas dos seus amantes, e fainos ver que ela tampouco é ningunha recén chegada ó apaixoante mundo de Sade e compañía. As escenas de sexo son contínuas e cando non están metidos na cama, ela está imaxinando cómo será ou cómo foi a última vez. Os asasinatos continúan e o enredo vaise desenvolvendo dun xeito tan predicible que é imposible que quen chegue á páxina dez non saiba perfectamente cómo vai se-lo final do libro. E por se fora pouco, o mesmo autor encarrégase de esmaga-las poucas espranzas que poidesemos tér nun final interesante, dándonos por adiantado a solución ó mistério do asasinato.
É curioso que dentro de tanto “clasicismo” terrorífico, entendendo por “clásicas” as películas de Freddy Krueger e Venres 13, Stiner saque a relocir algúns persoaxes que non teñen moita adaptación. O peculiar xefe de Sara é un persoaxe que non podemos definir de todo, e o seu papel non queda claro atá o último intre, o que sempre é de agradecer. E o mesmo acontece con outras persoaxes, ás que tampouco se pode encasetar, pro de tódolos xeitos, a medida que vai avanzando a novela, o argumento déixaos a un lado. O que semellaba podía ser un intento por facer algo orixinal fica, polo tanto, convertido nalgo sen sentido e carente de encaixe dentro do enredo.
Esta novela acadóu un grande éxito de vendas nos Estados Unidos, onde seica deberon “picar” porque Stine tiña moita sona prévia, e claro, iso sempre vende. O que xa é moito máis dubidoso é que o seu seguinte libro acade a honra de ser traducido ó español. Se cadra, nunca máis voltamos oír falar deste autor… e se tódalas demáis cousas que escribe sonvos tan boas coma esta, pois non-o botaremos de menos.