Título orixinal: Xenocide
Autor: Orson Scott Card
Editorial: Zeta
Idioma: Español
A terceira parte da saga de Ender (os dous libros anteriores comentámolos no número 0 de NOVA) é se cadra o máis espeso dos tres, mentres que ficamos á espera de coñecer o contido do cuarto, xa publicado nos Estados Unidos (o seu primeiro capítulo poderéde-lo ler na sección de relatos deste mesmo número). Seiscentas cincuenta e catro páxinas enchidas de ciéncia-ficción… e de moitas outras cousas.
No final da segunda parte remataran as aventuras en Lusitánia, o planeta onde Ender chegara para atopar a nova raza de seres, os cerdis (penso que en galego cadraríalle ben porquis), e neste mesmo planeta decidira deixar nacer de novo ós insectores, a outra raza que el mesmo exterminara había 3.000 anos. Pois agora atopámonos con que o Congreso Estelar, a tiránica forza interplanetária que governa á Humanidade espallada polos Cen Mundos, decidiu enviar unha frota de naves de guerra a Lusitánia, para investigar o que é o que está a acontecer, e se cadra, para destruír por completo o planeta e a todos os seus habitantes.
A novidade está no planeta Sendeiro, no que viven os descendentes dos chineses, inda adorando aos seus antigos deuses e nun réxime case feudal, no que governa unha caste de persoaxes con graves problemas psíquicos (todos padecen algún caso de síndrome obsesiva-compulsiva, inda que no seu delírio pensan que son tocados polos deuses). Neste planeta habita Qing-Jao, unha rapaza cun extraordinário poder de dedución, e cun non menos extraordinário amor polas súas tradicións. A novela desenvolverá-se na metade dunha guerra mental entre Jane, o ser que vive nas conexións do Ansible, e Qing-Jao. Finalmente, Jane amosará ser máis humana cá mesma Quing-Jao.
Por outra banda, Ender, quen cada vez é menos protagonista das súas própias novelas, tenta atopar un modo de facer posíbel a convivéncia entre as tres razas, ou se cadra, as catro, xa que agora a descolada, o perigosísimo virus que estivo a piques de matar a todos os habitantes de Lusitánia, seica posúe unha intelixéncia de seu que a fai se cabe máis perigosa. Os conflitos moráis entre os persoaxes serán unha vez máis as principais fontes de interese ao longo dun libro escrito máis apresuradamente que o resto e no que pouco a pouco vai baixando o grao de capacidade para nos sorprender.
As novas que se escoitan pola Internet son que Card está cada vez máis apegado á súa fe mormona e iso afécta-lle moito cando escribe. Coma non podemos afirmar nin desmentir, só podemos dicir que polo menos neste Ender el Xenocida, Card baixou moito o seu ritmo.
O interese da novela segue a ser grande, especialmente para os lectores das dúas anteriores; as situacións que se producen son cada vez máis estáticas, os diálogos son cada vez máis longos e a lectura chega facerse pesada. A recomendación é que se queres empezar a ler algo deste autor, non leas este libro o primeiro.