Calcinación instantánea

1991

Tíduo orixinal: Ground Zero
Autor: Kevin J. Anderson
Editorial: Plaza & Janés
Idioma: Español

Este tomo pertence á colección que está a aparecer actualmente, baseada na série da TV Expediente X, que trata de captar ós televidentes e convertilos en lectores. Tendo en conta que a meirande parte dos que cren nestas cousas e seguen a série da tele son tan fanáticos que mercarían o que fose sempre que leve un “X”, entón o negócio semella asegurado.

Claro que iso non xustifica de por sí a calidade dos libros que se venden. No primeiro lugar, hai que fixarse na súa baixa calidade non só literária senón de encadernación. Calquera libro semellante non costaría máis de 500 pesetas, pero estes, por seren de Expedente X, suben atá as 1.500. E no segundo lugar, hai que volver trata-lo tema da traducción. O tíduo non tén nada que ver có orixinal, pro o intento de facernos ver que a novela tén algo que ver có fenómeno paranormal coñecido coma “combustión espontánea” só hai que enmarcalo dentro do xénero das tomaduras de pelo.

A cuestión é a seguinte: hai décadas, cando se producíu unha explosión nuclear nunha illa do Pacífico, seica o Exército americano “esquecéuse” de evacuar ós seus habitantes, que, por suposto, remataron todos mortos. Todos, agás un neno, que có tempo será o portador dunha mensaxe enviada polas pantasmas dos seus devanceiros, e esa mensaxe é que tódolos implicados no asunto deben morrer. Agora, nos anos 90, a parella de axentes especiais, Scully e Mulder, adícanse a averiguar cómo é que se produciron estas misteriosas mortes por combustión, que semellan afectar só a unha persoa, deixando case intacto todo o que tén ó seu redor.

Os primeiros sospeitosos serán os membros dun grupo anti-nuclear dirixido por unha antiga traballadora do centro onde agora están a desenvolve-la creación dun novo arma nuclear que seica non produce radiación. En fin, que o argumento é moi científico, coma vedes, e coma adoita ser habitual nestes casos, todo remata nas catro derradeiras páxinas, en metade dun furacán e mentres vai estoupando a bomba (non, a deportiva non, a nuclear).

A novela carece de interese literário, e no referente ó seu posible interese no eido do paranormal, todo queda nas maos dunhas pantasmas vingativas que seica non teñen moito tacto cando buscan a xente que matar. Vaia, que son menos selectivas cás bombas dos etarras.

En resumo, un libro que posiblemente obteña un bó benefício, pro que de troca-los nomes “Scully” e “Mulder” por “Fulana” e “Mengano”, sería un paquete infumable. Daquela, ¿por qué se vende? Os mistérios do márketing son moito máis tenebrosos e escuros cós que se enfrontan estes dous axentes do FBI.

Total
Artigo anteriorEl maestro cantor
Seguinte artigoGárgola
calcinacion-instantaneaA novela carece de interese literário, e no referente ó seu posible interese no eido do paranormal, todo queda nas maos dunhas pantasmas vingativas.