Autor: Carlos Vila Sexto
Editorial: Galaxia (Col. Costa Oeste)
Idioma: Galego
Non é o habitual ver un libro de terror en galego, pro para non racha-la tradición que dí que a Literatura fantástica é un subproducto para rapaces novos, atopámonos con este Gárgola dentro da colección Costa Oeste de Galaxia, adicada ó púbrico xuvenil. Xuvenil, coma o seu autor, Carlos Vila, de tan só 20 anos, pero que xa ten pubricados tres libros, e gañados dous prémios con eles.
Gárgola foi escrito orixinariamente en español, o que se deixa notar, e moito, nunha linguaxe enchida de verbas e expresións casteláns, e non só porque sexa un galego normativizado. Porque en galego podemos dicir pipocas ou flocos de millo, pro nunca “palomitas”, por exemplo. Vila Sexto escribe dende a súa mocidade, xa que a novela escribíuna con só 17 anos, pro tamén escribe para mozos, que segundo semella, deberán ser pouco esixentes. Cunha fortísima influencia de Stephen King, tentando facer constantes alusións ós programas da tele, ás recentes estreas do cinema ou ós éxitos musicáis do momento, Vila narra a história dun rapaz (americano, claro) que vive có seu pai e que ten cada noite terribles pesadelos, nos que soña cun cemitério e unha figura cadavérica. Pouco a pouco irá descobrindo o premonitório daqueles pesadelos e cómo se van facendo realidade.
Cunha galería de persoaxes máis ben pobre (non cabe moito en 144 páxinas de letra moi grande) Vila describe as circunstáncias principalmente do protagonista, Jeremy Watts, sen entrar excesivamente nos demáis que o rodean. Jeremy é un rapaz conservador e relixioso, pro que a pesar diso, é quen de poñerse a investiga-la vida do seu pai, tendo golpes de audácia própios de Sherlock Holmes e acadando que os demáis persoaxes se lle acheguen e falen coma se fose un mestre interrogador. Esta falla de consisténcia non é só a nivel argumental ou narrativo, e nótase tamén en detalles coma que a vila onde vivíu o seu pai chámase unha vez Fearfield e outra Fearville, ou na estátua do cervo, que semella tér moita importáncia pero logo esquécese dela. Tampouco ven sendo moi lóxico que nunha vila tan pequena houbera tantísimos crimes e asasinatos e que ninguén os investigue.
As intencións de Vila son boas, e mesmo chega algunha vez a acadar certa altura, cando trata de penetrar na mente do seu protagonista, pro aí fican tódolos intentos. Gárgola é unha novela escrita por un autor moi novo, e por unha vez, Galaxia acertóu incluíndoa nunha colección adicada para rapazolos.
Carente de sorpresa, un elemento definitório e definitivo cando se trata de escribir de terror, cun título moi pouco afortunado, que estraga por completo a intriga, a única emoción que destaca mentres pasas as páxinas é pensar cándo vai remata-lo libro. O final, alomenos, ten certo interese, inda que xa se intúe dende mediado o enredo. En resumo, que se tés máis de 16 anos, este libro non se escribíu para tí. E se tés menos, é posible que os teus pais non cho deixen lér.