La memoria de la Tierra

1381

Autor: Orson Scott Card
Editorial:Ediciones “B”, 1996
Idioma: Español

A penúltima saga de OSC ven de se editar de novo, esta vez a un prezo moito máis asequible, e que fai que xa vola comentemos case enteira nesta sección. Hai catro anos xa saíra, na colección “Nova CF”, pero o seu prezo desorbitado fixo que case ninguén se decatara. Cos mesmos cartos que custa merca-los cinco libros, antes non podiamos nin mercar dous. Que alguén nolo explique, por favor.

Estamos no planeta Harmonía, onda os seres humáns chegaron hai corenta millóns de anos, despóis de abandoa-la Terra, devastada e convertida en inhabitable. Esta vez, os humáns que chegaron quixeron asegurarse que poderían voltar, unha vez a Terra sanase as súas feridas, e para iso construiron unha rede de satélites ó redor de Harmonía, nos que meteron un ordenador que vixiase ás persoas, de tal xeito que meiante emisións de ondas que afectasen ós cerebros, lles impedira acadar un grao de desenrolo abondo coma para voltar a contrui-las mesmas armas destructoras. Deste xeito, eliminaban a liberdade, pero en troques, obterían a paz. Un bonito dilema moral no que o ordeador, coñecido polos humáns coma “Alma Suprema”, non partecipa, ó ser só unha máquina.

É unha história interesante, por canto OSC faría ver que Deus (o Alma Suprema é unha clara metáfora súa) é tamén insensible ás necesidades das persoas, inda que logo o faga menos evidente, coma non podía ser doutro xeito nun escritor que presume de ser cristián. Pero todo isto é descoñecido para os nosos protagonistas, que van vivir unha história de dimensións bíblicas ó longo de toda a saga, e especialmente nos primeiros libros.

Neste que nos ocupa agora, temo-la presentación da família protagonista: trátase dun pai, unha nai e seis fillos, inda que entre eles non sexan de todo irmáns, debido a unha complicada relación conxugal existente en Basílica, a capital de Harmonía (ou alomenos a cidade máis importante). O pai recibe un día unha mensaxe do Alma Suprema, que lle pide que venda todo o que ten e marche ó deserto, xa que Basílica vai ser destruida. ¿Non vos soa dalgo este comezo? Pois se o tratamento bíblico vos parece moi claro, vaise ir esvaecendo ó longo da novela, porque teremos sobre todo unha história dun desencontro familiar entre Nafai, o rapaz protagonista, e o seu irmán Elemak. En médio de todo, coma no millor dos “culebróns”, haberá asuntos de saias, política, asasinatos, crimes, confabulacións, e un pouco de todo.

Se cadra, noutro autor poderiamos pensar que tentóu facer unha novela demasiado ambiciosa, pero cando se trata de Orson Scott Card, só podemos dicir que con La memoria de la Tierra fixo unha nova obra xenial, na que poderémolo atopar case todo. Se cadra, unha nova Bíblia, “made in OSC”. Non sería a primeira que inventan os mormóns.

De tódolos xeitos, e inda que a nós, coma galegofalantes, isto non debería importarnos especialmente, coido que é importante resalta-la patética traducción de Carlos Gardini, así que para seguila con algo de naturalidade, vou transcribir este pequeno léxico de verbas e frases, coa súa correspondente tradución ó español ó que estamos acostumados en Galiza, e non ó que están acostumados en Arxentina:

Por cierto = Por supuesto
Sumitarse = Sumirse
La saliente = El saliente (dunha rocha, por exemplo)
Por los menos = Por lo menos
Revuelto = Revuelo
Estar por = Estar a punto de
Treparse = Trepar
Rehusarse = Rehusar
Robarse = Robar

E así podería seguir ad nausea, pero xa é abondo para se facer unha ideia do que vos agarda. O que avisa non é traidor, e que conste que a baixa puntuación obtida por este libro é exclusivamente culpa do señor Gardini. A nosa noraboa por patea-lo español deste xeito.

Total
Calificación
Artigo anteriorPuertas
Seguinte artigoLa llamada de la Tierra
la-memoria-de-la-tierraQue conste que a baixa puntuación obtida por este libro é exclusivamente culpa do señor Gardini.