Hacedor de Mundos

1507

Autor: Domingo Santos
Editorial: Ultramar, 1988
Idioma: Español

Case é un delicto ousar facer un comentário sobre un libro que ademáis de ser xa antigo, é do meirande autor español de ciéncia ficción. Pero en NOVA somos moi ousados e por unha vez imos deixa-las clásicas parvadas de que “hai que apoia-lo noso” ou “este autor é un clásico” para comentar cun pouco de moderación un sinxelo libro.

En Hacedor de mundos temos unha novela ó xeito “silverbergián” (este mes imos saír cheos de neoloxismos), por canto nela hai un protagonista case exclusivo, e un só conflito ó longo de toda ela, sen outras complicacións accesórias. Pero aí rematan as semellanzas. O libro comeza co extrano suceso acontecido a David Cobos, membro da astronave “Descubrimiento”, que tras estoupar no espazo, a millóns de parsecs da Terra, encóntrase perdido nunha nave monopraza, con só unha hora de osíxeno. Cando está a piques de morrer, de súpeto encóntrase que está na Terra e é rescatado. Que é o que pasóu?

A resposta irémola descobrindo ó longo da novela, pero en resumidas contas trátase de que Cobos posúe uns poderes especiais, que lle permiten facer cousas. Así, sinxelamente. Pode facer que as cousas que nunca existiron, existan. Pode facer que unha persoa nunca nacera, de tal xeito que ninguén a lembrará porque nin sequera existíu, ou pode facer que outra nacera, ou que outra fixera algunha cousa. E a súa primeira “fazaña” foi achega-lo planeta Terra quince millóns de parsecs no espazo onda el.

Semellante cataclismo cósmico, porén, non pasóu desapercebido para moitas persoas, que posúen poderes coma os del, e que desexarán desfacerse de tal poderoso inimigo. Descobriremos que estas persoas estiveron a controla-la história da Terra non últimos séculos, que seguen a facelo, “matando” xente molesta, e todo no seu benefício. Pero se cadra, hai por enriba delas, outras persoas inda moito, moito máis poderosas…

A novela é unha sucesión de escenas de acción contadas dun xeito bastante pobre, e o que realmente pode interesar, que é o trasfondo coas posibles implicacións morais e filosóficas, pasa moitas veces de longo, tendo nós mesmos que inventalo ou deducilo. Qué farías tí con estes poderes? Está claro que non o que fixo o protagonista, ou sexa, liarse coa clásica “rapaza que busca ó seu pai”, que semella sacada dunha mala película de série “Z”, e pasarse todo o libro describindo as súas moi satisfactórias relacións sexuais. Entre isto e o desprezo que o autor amosa sentir polos franceses (os malos e parvos da novela), pasaremo-las páxinas e chegaremos ó final, pensando na boa obra que poido ser este Hacedor de Mundos e a pouca, moi pouca, cousa na que ficóu.

Total
Calificación
Artigo anteriorLa isla del día de antes
Seguinte artigoRebelión en Telura
hacedor-de-mundosO que fixo o protagonista foi liarse coa clásica "rapaza que busca ó seu pai", que semella sacada dunha mala película de série "Z", e pasarse todo o libro describindo as súas moi satisfactórias relacións sexuais.