Autor: José Antonio Sánchez
Editorial: Biblioteca Virtual Ad Astra, 1997
Idioma: Español
Dentro da colección que prometéu sacar (polo de agora un só exemplar) o noso fanzine irmán “Ad Astra”, temos esta novela, que é a primeira que alomenos eu leo en versión electrónica, ou sexa, sen páxinas, pois todo ven nun diskette cun grande arquivo de texto.
Rebelión en Telura é a primeira dunha triloxía sobre ciéncia ficción, ou alomenos iso é o que promete o seu autor, pero a verdade é que só os máis fanáticos poden chamar “ciéncia ficción” ó subxénero da “space opera” sen que lles caia a face de vergoña. E inda é pior se esa “space opera” está mal feita, coma esta novela, que dá toda a impresión de se-lo clásico guión que un Master podería tér preparado nunha partida de rol de “Star Wars”.
Porque o menos que se lle pode pedir a unha novela que temos que ler en versión electrónica é que teña o mínimo interese de nos pegar á pantalla, e iso é precisamente o que non vai facer Rebelión en Telura dende xa as súas primeiras páxinas. De feito, costóunos deus e axuda chegar rematar de lela.
O argumento, se é que tal cousa é un argumento, comeza coa expedición que os dous protagonistas, duros e experimentados “camioneiros do espazo” fan a certo planeta transportando as mercadorías que lles ordearon, e todo por unha chea de cartos cos que poder facer fronte ás súas débedas. A partir de aquí, todo é unha sucesión inacabable e inaturable de escenas de acción, loitas, pelexas e rifas, combates espaciais envoltos en chistes malos e ráfagas de lasers perdidas.
E todo elo, por enriba, tendo que aprender sobre a marcha os nomes raros de novas espécies animáis, de planetas, de seres malvados e gordos, en fin, de todo o que se lle ocorríu ó autor mentres ía escribindo, coma se facer “space opera” fose facer unha mala imitación do bar da “Guerra das Galáxias”.
Persoaxes-cliché, escenas calcadas de películas, auséncia total de credibilidade, en fin, inda que non vos será doado atopar faltas de ortografía, é o único que lle falta a esta novela, mal escrita, peor argumentada e á que coma nota positiva só se lle pode apoñer que é gratis de todo, porque abonda con pedila ó enderezo de Ad Astra para que cha envíen de balde. A recomendación final é que se pensas montar un bó escenário para unha partida de “Star Wars”, poida que Rebelión en Telura sexa da túa conveñéncia, pero se non, e sobre todo, se tés algo de respecto pola Literatura, fica afastado.