A sombra cazadora

1872

Autor: Suso de Toro
Editorial: Xerais, 1995
Idioma: Galego

É bastante saudable que un deses “best-sellers” da Literatura en galego, dos que vos falaba o noso editorial do número 1, sexa unha novela que doadamente se pode encadrar na ciéncia ficción e con total seguridade no xénero fantástico, e por riba, escrita por un dos poucos xénios dos que dispón a nosa literatura actual: Suso de Toro. O malo é que iso de ser best seller só consista en haber vendido 17.000 exemplares, e xa cáeno-lo alma ós pes ó saber que esa é a 6ª edición. Cántos exemplares tiña a primeira? Cincocentos? Outro mistério editorial máis.

A sombra cazadora é a história de dous rapaces que viven nunha casa aillada co seu pai, unha persoa misteriosa que lles aprende a odiar ó “mundo exterior”, do que viven por completo desconectados, sen rádio, TV, nin xornais. Só aprenden polos libros, algunhas novelas, e pola lembranza da súa nai, que morréu hai uns anos. Por fin, cando morre o pai, dilles que no faiado da casa hai un grande segredo agochado: un televisor. E nel, “a sombra cazadora”, un ente electrónico que hai anos apoderóuse do mundo a través das pantallas de televisión, tomando coma rostro amigable nada menos que o de seu pai, quen noutrora foi un presentador de sona.

Sería demasiado doado dicir que esta novela é unha grande metáfora da actualidade e ficar aí sen máis, cousa que sen dúbida moitos teñen feito e se cadra é precisamente por iso polo que lle conceden tanto mérito á novela. O certo é que a história non remata aí, senón que continúa, se cadra atá un final demasiado “naïf”, pero que de tódolos xeitos non podía ser outro, se é que queremos que rematen ben as cousas.

Os irmáns, rapaz e rapaza, son tamén unha parella algo quixotesca, cunha rapaza máis apegada á realidade, sentindo a preséncia da Sombra coma unha ameaza, e un rapaz que moi doadamente fica prendido das pantallas que hai polas rúas e que xa aparvaron a tódolos demáis habitantes da Cidade, atá lles facer trocar por completo a súa vida, facendo que bandas de nenos abandoados polos pais camiñen polas rúas coma pequenos delincuentes, pero indaasí constituindo a derradeira espranza para a xente, por canto eles son os únicos que semellan emperrados en non ficar enganchados ás pantallas… de vez en cando.

A odisea destes irmáns rematará coa axuda dun dos rapaces da rúa, namorado da rapaza protagonista, inda a pesar del mesmo, e a odisea do lector rematará cando chegue á derradeira páxina preguntándose se “isto é todo”. Calquera outro autor podería ter continuado a história ou podería sacarlle moito máis zume, pero iso sería botando a perde-lo trasfondo onírico e fantástico, facendo que a balanza caia a prol da ciéncia ficción máis pura, cousa que indubidablemente non foi a intención do autor.

A sombra cazadora é unha novela desas que moi dificilmente pode ún escusarse de non tér lido. Cunha linguaxe atractiva e unha presentación dirixida ó púbrico xuvenil, é posiblemente e hoxendía, “atá novo aviso”, a millor novela de ciéncia ficción que poida atopar un lector galego na súa própia língua. ¿Precisades máis dados?

Total
Calificación
Artigo anteriorRebelión en Telura
Seguinte artigoSoños eléctricos
a-sombra-cazadoraA sombra cazadora é unha novela desas que moi dificilmente pode ún escusarse de non tér lido.