Soños eléctricos

1980

Autor: Ramón Caride Ogando
Editorial: Xerais, 1992
Idioma: Galego

Nun mundo futuro e desolado, convertido nun deserto, a humanidade tivo que ir sobrevivindo no interior de grandes megacidades, case Estados por si soas, cubertas por enormes cúpulas de cristal, baixo as que as normas son duras e crueis. Cun argumento coma este podemos supoñer enseguida que estamos ante unha novela de ciéncia ficción, pero ademáis o afeccionado distinguirá tamén un xénero bastante clásico, que xa non resulta moi orixinal en si mesmo: o do horrible futuro que nos agardaba despóis da terceira guerra mundial, esa que agora por sorte seica nunca chegará. Así que é preciso aderezalo con algunhas doses de orixinalidade introspectiva.

Xandor-F é un asasino. Só por iso xa merecería estar onde se atopa, pero é que está a ser torturado por un Investigador, e ese é o pior pesadelo que ninguén pode maxinar. O Investigador pretende coñecer que conexións houbo entre Xandor-F e Stevo Dádik, un subversivo e provocador músico e actor que logróu revolucionar por completo a sociedade da Cidade. No primeiro lugar coñeceremo-la história de Xandor-F, dende que foi creado co resto dos Xandor, de como sobrevivíu ó adestramento e de como logróu ir superando niveis ata coñecer a Stevo, o fillo dun militar que ante a sorpresa de todos, decedíu racha-los seus vínculos co pasado e iniciar unha aventura máis efectista ca efectiva, e que rematará dun xeito insospeitado, entre os misteriosos moradores do deserto, no exterior das cidades.

Inda que debería sorprendernos que un autor coma Caride Ogando escriba ciéncia ficción pura (eran as súas orixes, agora é máis “serio”), esta novela é talvez e sobre todo un canto á liberdade dos seus personaxes, unha liberdade levada ó extremo de se desenvolver sen ter coñecemento de que é o que verdadeiramente se desexa, por canto Stevo é o clásico persoaxe atormentado que non sabe quen é e nun lugar que, coma este futurista, lle resultará especialmente axeitado. Así pois, coma en toda boa novela de CF, teremos máis ben un dilema moral, inda que talvez trasladado dos persoaxes ó lector, porque se trata de contemplar como o poder persigue implacable a un “subversivo” que sen dúbida pretende selo.

En fin, unha novela necesária, que amosa a madureza dun xénero maltratado inxustamente, no só porque cando se fala de CF moitos adoitan pecha-los ollos, se non porque cando por riba é algo que cheire a cyberpunk, coma é neste caso, hai quen nin sequera comeza a ler. E exemplos coma o de “Soños eléctricos” son os que serven para abri-los ollos dos máis cegos.