Autor: Suso de Toro
Editorial: Alfaguara, 1996
Idioma: Galego
Catuxa é unha moza compostelá, adolescente, algo “pija”, cuxo pai ven de aparecer morto no seu despacho, aparentemente suicidado. Uns días despóis do dramático suceso, e na oficina onde acontecéu todo, Catuxa está soa na escuridade, tratando de evitar que o avaricioso sócio de seu pai descubra que ela ten as chaves, cando de súpeto, o ordenador acéndese só… e comezan a aparecer palabras na pantalla. É seu pai, comunicándolle dende o alén que non se suicidóu, senon que foi asasinado por un suxeito relacionado co narcotráfico, xa que estaba tratando de branquearlle os cartos.
Primeiro aterrada, logo vengativa, Catuxa decide facer xustiza pola súa conta. Para elo, contará coa axuda dun rapaz dos arrabais, un pandilleiro algo macarra que podería se-lo seu irmán, segundo lle revela seu pai. O resto da novela será a aventura dunha viaxe iniciática e hamletiana pola autopista ata Vilagarcía de Arousa, no que Catuxa tratará de descubrir se Xermán é seu irmán e ámbolos dous tentarán de se descubri-lo ún ó outro, abríndose ós seus respectivos mundos, mudando a súa forma de pensar e, inevitablemente, madurando.
Até que punto é esta unha obra fantástica polo tanto? Tendo en conta que o contacto ultramundán de Catuxa co seu pai é o comezo da novela e que tamén supón o punto de inicio do troco na protagonista, pero que por outra banda non volvemos ver nada sobrenatural en toda a obra, é difícil chegar a unha conclusión. Dende logo que a intención de Suso de Toro non semella se-la de crear un ambiente fantástico, senon a de describir un ambiente ó que parece moi afín, o dunha xuventude non do todo perdida neste autor; e se ben a inclusión deste tipo de artificios fabulosos coma se dalgo natural se tratase responde a unha tradición milenária na literatura galega, a resposta á pregunta do millón de dólares habería que entroncala coa máis xeral de qué é a literatura fantástica, cousa que dende logo non é o obxecto desta sinxela recensión.
A novela pode ser lida dende tódolos puntos de vista posibles: como fantástica ou como non fantástica, e como relato xuvenil ou como relato para adultos. Talvez sexa esa unha das chaves da literatura actual, a de tratar de agradar a tódolos posibles lectores, pero dende logo é un mérito do que non todos poden presumir.