Autor: Orson Scott Card
Editorial: Ediciones “B”, 1994
Idioma: Español
La gente del margen é a recopilación de catro relatos de OSC escritos hai bastante tempo, cando se cadra o seu estilo inda non estaba moi definido, e cando sen dúbida as súas ideias mormonas eran inda demasiado fortes como para decidirse a escribir encol dun tema (a ciéncia ficción) que pode que non fose do agrado dos seus fundamentalistas líderes relixiosos.
Así que, se cadra — todo isto son suposicións — OSC tivo que pensar nalgo que xuntara a propaganda relixiosa coa CF. E xurdíu un panfleto como The folk of the fringe (a portada orixinal publicámola onda este texto). O mesmo Card confirma as nosas sospeitas no epílogo do tomo, explicando as súas aventuras nunha xuntanza literária que se organizaba anualmente en Sycamore Hill.
Inda que os catro relatos son independentes, todos teñen en común estaren situados nun futuro hipotético, pouco tempo despóis dunha terceira guerra mundial, estar protagonizados por mormóns ou por xente que rematará convertíndose ó mormonismo e estar ademáis situados xeográficamente en Salt Lake City (Utah), a capital do mormonismo. Os protagonistas son distintos, inda que tamén existe algunha pequena relación nalgúns casos, como cando Deaver, o protagonista de Teatro ambulante é o rapazolo da primeira história, Oeste.
E agás no caso de El margen, na que un profesor moi semellante a Stephen Hawking é o protagonista, o resto das histórias teñen unha clarísima intención xa non só moralizante, senón de difusión e propaganda relixiosa. Non directamente, por suposto, senón ó mesmo xeito das vellas e moralizantes lecturas da España dos anos 40, nas que os herois son bós e santos e os malos rematan por se decataren dos seus erros e arrepentíndose dos seus pecados. Todo elo situado nun contexto que inda que sexa en efecto futurista, non é doado dicir que ten algo de fantástico. Sí ficticio, por suposto, pero non fantástico.
Por sorte, OSC milloróu moito dende que escribira estes relatos, e inda que segue a conserva-lo seu esprito moralizante, xa non é tan claramente fundamentalista. A CF gañóu con elo, pero se debemos fiarnos dos seus últimos libros (a saga de Alvin Maker, por exemplo) podería ser unha guerra perdida de antemán.