Autor: Anne Rice
Editorial: Plaza & Janés, 1989
Idioma: Español
Dende a aparición da súa Entrevista co vampiro, Anne Rice convertéuse da noite á mañán nunha escritora de fama universal, cun grupo de noticias na Internet de seu incluído. Pero iso non sinifica que quedara aí parada sen volver facer máis cousas, e unha das súas incursións por fóra do tema dos vampiros foi esta novela, adicada a outro dos clásicos do terror: a mómia.
E igual ca no caso dos vampiros, Rice aplica o seu particular estilo para nos falar destes monstros, que deixan de selo por unha vez e pasan a convertirse en seres dignos non só do noso estúdio, senón da nosa solidariedade. O faraón Ramsés II, orgulloso soberán de Exipto, bebe un día unha pócima que o convirte en inmortal, e así logra vivir durante moitos séculos, atá que un día, canso da súa condición, que o convirte nun ser senlleiro e sen posibilidade de facerse unha familia nin unha estabilidade, decide “morrer”, convertíndose en mómia. Isto faino simplemente ficando agachado dos raios do sol, e tan só volverá revivir cando séculos máis tarde Cleopatra o resucite para que o aconselle.
Ramsés II namórase da raíña de Exipto, pero ela, veleidosa, vaise con Marco Antonio e déixano de novo só. Unha vez máis, o faraón convírtese en mómia… atá que chegan os nosos protagonistas, dous mil anos despóis, cunha história de crimes, paixóns e o amor que de novo, se cadra esta vez para sempre, voltará á vida de Ramsés, nun Londres victoriano e polas ateigadas rúas do Cairo.
A novela posúe un excelente argumento, moi alonxado do barroquismo vampírico da Rice, e un desenrolo entretido e emocionante. Cando se trata de lér libros de autores consagrados, é pouco o que se pode dicir que non se dixera antes, e só agardar que a trama da novela sexa tan boa coma as precedentes. Neste caso, cabería se cadra pedir algo máis de misterio e algo menos de crónicas de Danielle Steel, que é o que moitas veces dá a impresión de estar lendo, de tanto que a autora quere desenvolve-lo tema das relacións entre Ramsés e Julie. Pero claro está, que para que un novelista teña non só a fama de best-seller, senón ademáis o recoñecemento de que é un bó escritor, seica ás veces debe irse un pouco polos “cerros de Úbeda”.
En resumidas contas, A momia é unha novela moi recomendable, unha visión alternativa ó clásico mito da momia malvada e unha nova incursión de Anne Rice polos terreos do fantástico. Que siga así.