La Ciudad Oculta

1256

Título orixinal: The Hidden City
David Eddings
Grijalbo, 1994
Trad. por Diana Falcón

Terceira e derradeira parte da triloxía do Tamuli, resulta bastante extraño atoparse cunha traducción de Eddings nunha editorial que non sexa Timun Mas, pero por unha vez, non estou seguro de que sexa unha boa nova o fin do monopólio. Non compre esaxerar en canto ás críticas ós traductores (resultan un pouco coma as críticas ós árbitros de fútbol, e a tres anos do século XXI quen quere lér cousas traducidas é simplemente porque elixe esa opción), pero esta resulta especialmente nefasta. Acostumados coma estabamos á traducción de Timun Mas, que quéirase ou non, é anterior e debería ser mínimamente respectada, nótase que a señora ou señorita Falcón nin tan sequera lera antes os 13 tomos sobre os mundos fantásticos de Eddings publicados anteriormente. Atoparse con que persoaxes importantes mudaron os nomes, ou as suas típicas expresións, resulta desconcertante. E non falamos dos novos xiros lingísticos do español, porque esta non é a nosa língua e o que aconteza con ela non debería petarnos moito.

Coma diciamos onte… ou sexa, nos anteriores episodios da série, quedáramos en que Ehlana, a raíña de Elenia e dona de Falquión (prefiro o nome traducido), ven de ser secuestrada polos malévolos cyrganos, quen na sua loucura e no seu intento de se faceren co domínio de Daresia, desataron forzas que non poden controlar e que rematarán por lles destruir a eles mesmos, incluso antes cós seus inimigos.

Coma tódalas obras de Eddings, esta é a história dunha viaxe, con algo de estratéxia, moito de diplomácia, e todo elo envolto nun apaixoante relato enchido de aventuras e de bastante humor, e na que Falquión e os seus vellos amigos deberán buscar a Ehlana até a mesmísima cidade oculta, Cyrga, governada por un deus desexoso de se enfrontar ó seu arquirrival pola conquista do universo. De novo Falquión non é máis có portador dun poder que cré controlar inda que sexa el o controlado, inda que nesta ocasión a recompensa polo trunfo (que coma é lóxico e sempre acontece, acaba producíndose) será moito máis espectacular ca noutras ocasións.

Eddings é moitas cousas: imitador de Tolkien, non só no xeito de escribir, senon nos seus mesmos ideais, escritor de novelas que só resisten unha leitura, forxador de histórias demasiado evidentes, persoaxes claramente definidos (xamáis atoparemos un Simkin, un Elric, nin sequera un Ratoneiro Gris nas páxinas de Eddings)… pero o que nunca fallará é a enorme adicción que producen os seus libros, imposibles de deixar en ningún episódio. Este tomo de case 500 páxinas poderás devoralo nun par de tardes se es dos que se sinten incapaces de se perde-lo que ven de seguido. Literatura chicle, de usar e tirar, si, talvez, pero que diaños, alomenos pasámolo ben mentres tanto, que é do que se trataba… ou non?

Total
Calificación
Artigo anteriorLa voz del diablo
Seguinte artigoBreogán de Guisamonde, o Cabaleiro da Gaivota
la-ciudad-ocultaLiteratura chicle, de usar e tirar, si, talvez, pero que diaños, alomenos pasámolo ben mentres tanto, que é do que se trataba... ou non?